Non puiden asistir a nada da IV Escola Fermín Penzol, en contra do que querería. Aínda así, fíxenme co libro de Suso Fernández Acevedo e tiven tempo de botarlle unha ollada, de ver a súa estrutura e bosquexar entre a morea de datos e citas. Dende a presentación externa en diante, o libro resúltame chamativo, interesante, aínda que o tema non pase para min de curiosidade: a xesta do galego en Asturias para seguir sendo galego, en Asturias. Non, non é un erro o de repetir galego e Asturias: vivino mesmo como unha pequena batalla na Galipedia hai xa varios anos. E está presente cando oímos en Ribadeo alguhas verbas que manifesta a orixe estremeira do falante, ou nos chegan ecos da lota d Principado por unificar a 'lingua' por eso de ser un 'país', a costa do galego, por poñer algún exemplo.
Pero o título non vai desa Xesta, senón da xesta derivada do Toxo: a empresa que de Vilaframil saíu hai un par de anos para construír en Aragón o Toxo, despois de desavenencias varias volta a Vilaframil e planea o Xesta, avoneta lixeira de velocidade punta e cruceiro 220km/h, procurado apoios (2M€) para o seu desenvolvemento. A saber en que quedará todo nestes tempos revoltos que corren e despois de ter dado Galicia as ostas ó anterior modelo e fracasar empresa amañada ad hoc para el. A min sempre me gustou a idea de ter unha industria punteira en tecnoloxía en Ribadeo, pero as dificultades e o proxecto están -ambos- por poñer. Haberá que estar atentos a Vilaframil, ó impetu e ideas dos empresarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario