20081204
Crise e controversia
Unha esaxeración. Máis ou menos a opinion dalgúns hostaleiros en referencia ó adiantado onte pola ACIA ribadense de que había un descenso do 50% na recadación. Parece que a cousa vai por barrios, e que, polo consumo de bebidas, dase a razón a quen apunta un descenso moito máis moderado (nalgún caso, aínda incremento). É dicir, crise si, pero distingamos.
Distingamos asemade a contribución do plan Zapatero para os concellos. Ó de Ribadeo tócanlle ata 1 717 494 €, só 13 000 menos que a Foz, e 1 000 000 menos que a Viveiro, pero case sete veces o que a Trabada e máis do triple que a Barreiros. O caso é que toca facer un plan antes do 24 de xaneiro para non perder os cartos. Tendo conta que as actuacións a planificar deben implicar a criazón de emprego, parece que a cousa vai ir a parar ben a quen xa estaba sobre aviso, ben a calquera que 'pase por alí' no momento preciso, para facer básicamente unhas obras que se quedarán sen mantemento e se sumarán ás que xa andan soltas polos concellos sen sacárselles rendemento.
Ben, púxenme tremendista, e é evidente que non ten por que ser así. Pero manexando cantidades da orde do 20% do orzamento municipal anual, mes e medio, contando o Nadal, non parece tempo para facer unha planificación adecuada, e séguese a potenciar a man de obra de construcción en troques de habituar ó mantemento, xusto despois de que a burbulla inmobiliaria estoupara. É dicir, pode que a construcción sexa o sector de máis desemprego, pero parece ser tamén dos que nestes momentos, e cara ó futuro, ten menor rendemento como potenciador económico (perdendo a oportunidade de reciclaxe e formación do persoal), co que o plan pode ser algo así como pan para hoxe e fame para mañá, a parte de ter difícil o solucionar con el a débeda ou o día a día dos concellos. Atención, construcción e non infrastruturas, que tamén entran no paquete pero que pertencen a outra liga. Pode parecer que a viñeta de El Roto aparecida o outro día no El País non ten que ver con isto por tratarse doutro tema, pero entendo que é unha contradicción semellante.
Por certo, que onte na contraportada do El Progreso un ribadense, Mariano Grueiro, falaba da construcción con palla. Algo alonxado do ladrillo, e non só polo material usado, senón pola concepción de negocio e sustentabilidade, por exemplo.
A foto, da nova decoración da fonte do xardín de Sela (polo momento non foi aínda inaugurado como de Indianos) despois de quitarlle a primeira que lle puxeron. Supoño que non habería que pagarlle de máis á empresa que se encargou do tema para facer a substitución...
Etiquetas:
arquitectura,
economía
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
1 comentario:
Quedo abraiada polo mal gusto da fonte. Unha piscina sen fondo, rodeada pola típica tira de céspede ridícula e como non, as pedras rústicas para darlle o toque folclórico. Por deus que lle apliquen un curso acelerado de decoro e urbanidade os responsables de tirar deste xeito o diñeiro público!
Publicar un comentario