20081213

Ó día seguinte

Ó día seguinte de que poña unha vez máis a foto da aduana, parece que o concello está disposto a intervir. O urbanismo vai algo adiante, e así o manifesta que aínda que sexa con moita calma, a revisión das alegacións vaia adiante. Claro que, podería ser neste caso doutro xeito? Asegura iso que se vaia aprobar ou que as revisións non se fagan por intereses partidarios? Aínda está presente esta mesma semana unha xuntanza de edís ribadenses para invertir 1 700 000 € sen pedir opinión ós cidadáns, comprometéndose entre eles e non especificando ó pobo que se vai facer, mesmo sendo despois da oferta de colaboración da Mesa de Asociacións.
Por certo, falando de lagoas de información, espero non equivocarme de cara ó futuro ó dicir que a nova páxina do concello comeza (só comeza) a ter desfases na propia información que emite o concello: a última nota de prensa colgada, agora mesmo, día 13 pola mañá, é do día 10.

E mentras, espérase como fondo que o mércores prosiga a folga de comerciantes no mercado. Parce que o alcalde esixiu á Delegación do Goberno protección para os comerciantes que quixeran poñerse. Pero o mercado non é unha fábrica onde cada un entra e sae co posto e está dentro de catro paredes. A situación é moi diferente. E, sen entrar na legalidade ou o abuso da normativa e da súa aplicación, unha medida de protección como a que pediu o alcalde está chamada a pouca cousa.
A foto, dun amaño máis que necesita Ribadeo: o rexistro que segue a aparecer como torre en Porcillán, no medio do porto deportivo, coido que sen tapa dende hai tempo. Valla dicir que é doado lembrar cando as pedras do paseo marítimo non estaban cubertas nin por verdín e xa estaba patente a torreta; por suposto, abondo anterior ó recheo dos 90 e ós espolóns que ten á vista cara á ría.

Ningún comentario: