20090209

Apoio mutuo: Sabido é que os luns ...

... son días de poucas novas, polo que soo facer uso dos artigos de opinión. Onte atopei algunhas perlas relacionadas coa crise:
"Alguén debera comezar a facer chamamentos, non para que os cidadáns aumenten a súa capacidade de encaixar golpes, senón para que incrementen a súa presión para lograr que o sistema non poda voltar a sacudilos". Soledad Gallego dicíao en 'Menos esforzarse, más exigir'.
Amartya Sen, economista que coido de lectura moi recomendable e premio Nobel de economía 1998, pola súa banda, nunha visita a España, respondía ó entrevistador: "A economía de mercado necesita confianza mutua, e cando ista se destrúe, como estamos vendo agora, é moi difícil rexerala". Non é primeira vez que se oe nestes tempos o de 'confianza mutua', por exemplo para o préstamo interbancario. Pero ista, non sei por que, lembroume un título, 'O apoio mutuo', dunha persoa tan pouco sospeitosa de apoio ó capital como Kropotkin. Pode que mo lembrara porque a frase anterior ía acompañada por outras como "'Na procura de cartos rápidos hai xente disposta a asumir riscos enormes. Falamos de xente que pode facer dano (...)", e porque lembrou el mesmo a Adam Smith (pouco sospeitoso de anticapitalismo) co concepto de auto-amor empresarial (unha de cuxas manifestacións sería a procura de lucro) só como unha das motivacións que debe ter unha empresa, á beira da confianza, vocación pública e xenerosidade. E é que xa o teórico do libre mercado sabía que a empresa pode formar parte da fauna social, pero se pretende que a sociedade sexa só alimento, estáse a comer a si mesma.

Ningún comentario: