20090207

Dous actos culturais

Debido ó tema, case cabería dicir dous actos históricos, polo tema conicidente a grandes rasgos de ambos.
No primeiro tratábase de historia máis antiga. A presentación do libro Sobre os castros de Ribadeo, un acto curto e condensado, foi dirixida no mesmo sentido que as cousas que conta o texto e co mesmo obxectivo que os artigos orixinais: difundir a súa existencia e características e promover que a atención sobre eles, se se cre convinte, os poña en valor despois de estudalos. En calquera caso, evitar que se perdan irremisiblemente debido ás modernas técnicas de aproveitamento de montes como sucede nos castros do interior tratados, por exemplo. Tiven a honra de ser introductor do acto, e mellor qu econtar sobre el, remítome ó mesmo libro, que a parte das librerías tamén pode consultarse en internet en 'publicado en Ribadeo'.
O outro acto trata de historia máis recente. Encadrado no Ciclo de conferencias "A Ponte na encrucillada da Historia", desenvolveuse a charla sobre “A Guerra da Independencia na antiga provincia de Mondoñedo” por Xosé Ramón Veiga Alonso. É unha mágoa que a concellería de cultura non recollera as verbas en mp3, por exemplo, para poder escoitalas dun xeito máis amplo, pois dunha forma didáctica e reflexiva, alomenos a min fíxome cambiar algúns preconceptos sobre o desenvolvemento do ano previo e meses posteriores á batalla da Ponte e do linchamento do Marqués de Sargadelos. Ideas que para desenvoltalas aquí nas circunstancias adecuadas serían longas de expor, e que para min resultaron de xeito conxunto unha especie de manual revolucionario daqueles tempos (atenc ión, non manual daqueles tempos revolucionarios), pero moi aplicable noutras circunstancias, naturalmente tendo en conta as variacións pertinentes. No acto tamén se poideron coller exemplares reeditados de 'A Capela das Virtudes de A Ponte', que crin que estaba na rede pero non o está. tentarei de poñelo se dan o permiso pertinente (e non o poñen na web do IES 'Dionisio Gamallo Fierros')

Ningún comentario: