20090208

Sobre cousas da prensa

Non cansarei hoxe unha vez máis co detalle doutra noite de movida e sin control de locais nouturnos. Todos sabemos o que hai e o que representa a inacción.
Así, pois, voume a unha nova que comeza cos primeiros pasos dunha asociación cultural no Valadouro e atópome na mesma columna que o alcalde de Ribadeo ten a intención de pedir as actas das ponencias das charlas sobre os 200 anos da batalla de A Ponte para publicalas. Aínda que coido que non será o mesmo que unha gravación, como o que propuxen onte, o meu interese terao.
Unha nova xa máis vella, non de hoxe, indica que mañá luns haberá unha especie de pre-inauguración en Ribadeo, pois responsables diversos (entre eles, de medio Ambiente, que non sei que pinta no acto), pasarán a ver un novo hotel na 'casona' da r/ Lazúrtegui, establecemento que pensa abrir en marzo e que debeu ser subvencionado cos fondos Leader, o mesmo que o chamado 'Centro empresarial e de negocios' de Ribadeo, que leva xa funcionando ó parecer varios meses na r/ Transversal. Digo ó parecer, pois foi 'creado para dar servicio á xestión empresarial e fomentar o desenrolo do territorio', pero ata o momento escapouseme calquera nova sobre el.
Fóra de Ribadeo, despois de varios días de ter recibido unha presentación informática denunciando a chamada 'Villa PSOE' en Arousa, aparece a nova de que o fiscal arquiva a denuncia urbanística correspondente. Despois de botarlle unha ollada, borrei todo por ser moitas as presentacións que considero de carácter político que están a achegar esta tempada. De saber dun arquivamento rápido, tería publicado algo do tema, pois a apariencia de montaxe urbanístico é grande. Así, só podo deixar referencia da nova na prensa de hoxe. Por certo, que sobre presentacións, lembro unha que considero particularmente lamentable: unha especie de parodia curta que tentaba comparar unha 'nena de Rajoi', encarnada nunha boa moza sen nada sobre dela máis que a sonrisa, todos os seus atributos remarcados e pode que algún retoque fotográfico, sinxelamente atractiva, coa 'nena de ZP', encarnada en Mª Teresa Fernández de la Vega con moitas máis arrugas que Fraga nos carteis electorais. O que non dicía nada a presentación era sobre as capacidades de mando e decisión da nena de Rajoi, cubertas por unha foto impermeable a todo o que non sexa imaxe, mentras que as de Mª Teresa Fdez. Están expostas ó público ó desnudo, aínda que poda que con algún retoque. O dito, máis agradable á vista, pero dubido que sexa máis adecuada para estar no goberno.
E mentras aquí en Ribadeo hai pouco que 'Galicia Bilingüe' suscitou o apoio dunha asociación (coido que ían recoller sinaturas, aínda que eu non vin papeis dese tipo), noutros sitios aparecen pintadas contra eles. Falo 'deles' porque creo recoñecer nas súas teses expresión de falacias propostas como realidades. Pero non estou de acordo con usar a loita de golpes baixos para impor o galego, senón facelo co traballo e as ideas, tendo claro que non se pode combater tampouco séculos de ataques legais co 'ollo por ollo, dente por dente'.
Por último, dicir que na Comarca de onte sae un novo artigo de José Mª Rodríguez como representante de O Tesón, tentando potenciar a unión organizada da xente. Algo que en Ribadeo parece darse prácticamente só en casos de intereses persoais.

Ningún comentario: