A cadros. Así queda un despois de ler algunhas novas. Non é aquelo de novas totalmente especiais, porque multiplícanse, fánse normais e a xente non reacciona, co que perden non a capacidade de impacto, senón o impacto real. Xa levo comentadas moitas, pero de cando en vez é un exercicio voltar a facelo con algunha máis. Como as de hoxe.
A Deputación 'confirma axudas' a 32 asociacións, e para iso reúne ós representantes. Eleccións mandan. Que parte dos 732 000 € concedidos rematarán gastados en anuncios?
Os lucenses gastaron en fumar o mesmo que o INEM nos parados. En ambos casos, máis de 70 000 000 €, ou sexa preto duns 200 € por cabeza, incluídos non fumadores. Que tal se se fixera un troco? Por certo, aumenta o consumo, igual que aumenta o número de parados, e ambos pese as 'medidas' tomadas para evitalo, medidas que en ambos casos van verse reforzadas. O reforzo consistirá en seguir subvencionando a xente que levou á situación de caos e a represión do fumar? Témome que si.
A Xunta licita de novoa a rúa Deputación. Un novo prazo. Anos sen amaño. Tento procurar a ver se se van tomar responsabilidades con quenes o deixaron pasar ata agora. A prensa non di nada de empresarios con responsabilidades, nin de buscalos. Estáse a falar de competitividade empresarial. Que ten que competir parecen os obreiros, pero empresa ven de empresario, non si? E as medidas para evitar o paro curiosamente non van tampouco para os parados en xeral. 303 000 €, 4 meses... son os números desta nova fase. Quédome cos outros datos.
Sae unha referencia á nota de prensa de onte de O Tesón. Pero non sae soa, senón asociada a... o pago das expropiacións da autovía a cinco veciños. Dende o ano 2004. E sae o anuncio, que o pago aínda se realizará o mes próximo. Boto contas. A este paso, o acceso pedido pode retrasarse tranquilamente máis aló do 2 014. Cantos coches se colarán sen parar en Ribadeo mentras tanto?
O último titular por hoxe: veciños de Ribadeo denuncian excesos de ruídos pola movida nouturna. Hai uns dez anos que xa deixei escritos dicindo que non denunciaba todas as veces que o merecían, senón só unha mínima parte por cansancio. Mentras, que pasa coa responsabilidade política? Aí está, demostrada, a non tramitación de expedientes do periodo pasado.
Noticias, unhas máis 'grandes', outras máis 'pequenas', pero en todo caso, que ou ben azuzan para tentar conseguir activamente un mundo mellor ou ben para aproveitarse do que permiten ver. Na meirande parte dos casos, só para ler. E volve á cabeza unha conclusión da teoría de xogos: nun mundo no que a maioría cumpre, os que non cumpren saen ganando por riba da media. Por iso as leis levan aparexadas penas. E, se a lei non se cumpre... os tramposos ganan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario