20090304

Máis cambios

Comezan a verse na prensa os primeiros síntomas de cambio nas resolucións de conflitos e en máis cousas.
Aparece unha nova sobre unha resolución urbanística (esta volta, en relación cun colexio público en Cervo, en que enfrontaba Concello e Xunta), dándolle a razón xudicial á Xunta. Pero agora, a Xunta cambiou. E o alcalde declara que esperará unha solución extraxudicial cos seus que agora ocuparán a Xunta. E en Barreiros poténciase un convenio entre Xunta, concello e construtores con novos bríos para 'desbloquear a construcción'. Se ben no primeiro caso parece que a cousa vai entrar nun estatu quo, no segundo, a cousa preséntase máis complicada e coido vai ser un auténtico taller experimental para amosar a política de urbanismo da nova Xunta.
E comezan as reformas cara a cúpula. Caen os Delegados provinciais, que quedarán reducidos a u representante por provincia máis Vigo (é dicir, unha especie de 'Delegado de Goberno', pero non caen as Delegacións Provinciais das Consellerías. ¿? Pois os xefes nas delegacións pasarán a ser 'técnicos' aínda que designados a dedo, sen as prerogativas dos Delegados. Haberá que esperar un tempo despois dos nomeamentos para observar se hai aforro e continúa a xestión ou polo contrario o que houbo foi un aumento de cinco figuras protocolarias extra.
Tamén comézase a analizar un aspecto técnico que influirá de xeito direito nas próximas campañas eleitorais: o uso da propaganda, das mentiras e infundios, os erros en relación coas campañas americanas, que dispoñen de moitos máis cartos e medios, en fin, da conversión da vontade do pobo en vontade, neste caso, Popular, e en xeral, en vontade allea ó pobo. E así pódese ver o chamamento ó voto como apoio despois da manipulación, e a denuncia da manipulación despois da petición do voto, segundo cal sexa o partido, 'vencedor' ou 'vencido', obviando xa dende os primeiros días por uns e polos outros que o pobo debe mandar non só nas eleccións senón a diario (aínda que non sempre ten por que ter a razón, o mesmo que os políticos tampouco teñen por que tela). É dicir, neste tema non parece haber cambio.
En fin, nesas andamos.

Ningún comentario: