20090325

Mercado a 65

A semana pasada dixérono os vendedores, houbo nota de prensa do alcalde e onte voltouse a repetir noutra nota de prensa: hoxe haberá mercado, pero non todos están ó día no pago, e só montará quen non sexa montaraz: os 65 (dun total de máis de 80) que pagaron todo o 2008. O que levamos de 2009 dispón dun colchón suplementario de (agora) mes e medio para ser pago polos mercaderes ambulantes. Pregúntome se non haberá xaleo; cando a manifestación, estaba avisada a Guardia Civil, pero a nota non pon nada de que esteña avisada para hoxe. Non obstante, se volta a haber mercado, parece raro que non tenten voltar a práctica totalidade de ambulantes, o que chocaría coas ordes do alcalde. De pronto, onte ó anoitecer estaba acintada a praza para gardar sitio, despois dalgunha contradicción sobre o aparcamento as semanas pasadas (que si, poñede multas os coches aparcados, bo, agora xa non porque non hai mercado, ...) Unha última nota sobre o tema: os vendedores que abonen hoxe o cota, segundo di a prensa, non poderán instalarse ata a próxima semana.
E máis novas, que os mércores agrúpanse despois da resaca de varios días de asueto e despois, fútbol.
Así, unha vez máis, é nova o polígono industrial. A nota de prensa di que comezan as obras. Iso, no título. Máis abaixo o que di é que xa están maís próximas a comezar, pois comezan a contar os once meses que está previsto que leven. Hai que ser optimistas, pero despois non de once meses, senón de trinta anos (ano arriba, ano abaixo) hai que ver todos os prazos con prevención ata que non esteñan rematados. E, ó que se ve, non é o comezo senón do prazo. Outra cousa é que pinte mellor que veces pasadas, e que se faga con ilusión, pero sempre sen esquecer que a ilusión é de ilusos. Os papeis están. As obras, chegarán.
Obras ... obras sen facer (as do polígono por agora), feitas sen funcionar (as do parque de bombeiros da 'nosa' Mariña), en comparación con outras ben diferentes, que, unha vez aminorado o furor construtor/constrictor da costa, van véndose con ollos tamén diferentes. Un informe a partires de datos de satélite sinala (El País do luns) que Lugo, no ano 2005, tiña urbanizadas 1072 Ha (= 10,72 km2) dentro dos dous primeiros km de costa cara ó interior, cun aumento do 10,7% respecto ó 2000, o que representaba daquela só o 6% disa franxa e a convertía na provincia española con menor cantidade de solo urbanizado en relación ó total deses 2 km. Observando o mapa na edición papel, vése que a provincia con porcentaxe máis próximo é Sta. Cruz de Tenerife, co 8% (con datos do 2000). Facendo contas, e xa que por exemplo Foz e Barreiros batiron record de licenzas no 2006 e 2007, permitindo o primieiro, se non lembro mal, a construcción de tanta vivenda como xa tiña o municipio, agora pode ter dado un bó tirón respecto a ise ano. E digo eu, se os datos son de fotos de satélite do 2005, e as fotos estánse xerando a diario, por que non foron publicados no 2006 e non agora? Chámame máis a atención isto que a 'mediterranización do Cantábrico' do que fala o artigo, aludindo ó aumento de construcción na zona. Por outra banda, botando contas, sae que a costa lucense ten uns 90 km de lonxitude (x 2 = 180 km2, do que resultaría o 6% dito). Mido no Sigpac e non chega; a cifra dada sería máis ben do 7% ... no 2005, claro.

Ningún comentario: