20090317

Pleno de 16 de marzo de 2009 (e II)

Despois do reseñado en "Pleno de 16 de marzo de 2009" pasouse a Rogos e preguntas, que non vou a desgranar unha a unha proque foron moitas. Pero si algunhas que considerei máis importantes ou curiosas:
Reiterou F. Rivas unha pregunta de hai 3 plenos sobre o número de turistas provintes do Uruguai. A pregunta, clara e cristalina, en relación coa viaxe a quel país efectuado por representantes municipais da zona (incluída Ribadeo) ó Uruguai o pasado ano.
Pediuse a retirada de carteis eleitorais: no que eu lembro, váise convertendo en tradición o incumprir o tempo de poñelos e de quitalos. A conta diso, o alcalde lembrou a extralimitación da propaganda acústica da UPRi nas leccións locais (algo sobre o que segue sen actuarse, esto da contaminación acústica...)
Dende hai tempo hai os venres, á entrada do Pazo do concello, un atado con unha tira de exemplares de 'La Voz de Galicia'. Parece ser que non se pagan (alomenos, polo concello)
... pedindo atallar as cagadas de cans. Como desculpa, o alcalde relatou un caso dun can que cagou no parque ... á beira do amo e diante do propio alcalde. Pero quedeime sorprendido de que o alcalde non dixera que fixo a continuación (e quedei sen sabelo, claro)
A reparación da estrada da piscifactoría (ver por exemplo un post coa lagoa Cascos en foto) deu lugar a unha explicación de futuras próximas reparacións a conta de entidades diferentes do concello, para aforrar cartos.
Lembro que a petición final de José Carlos Rodríguez (ver post anterior en Ribadeando) foi para establecer o uso dunha normativa e acortar os plenos, algo que non estaría de máis, aínda que entendo que tería como contrapartida o que foran menos amenos e menos intelixibles. Os actuais, máis calmados (a Deus grazas) do que foron en tempos non moi lonxanos, non deixan de ser didácticos e listrativos en moitos sentidos, o que pode que inflúa no aumento relativo de xente asistente.
Quedaron para despois do pleno, coma sempre, as preguntas das asociacións, que, coma sempre, foron só de O Tesón.
A primeira (ver a ligazón) sobre o regulamento de participación cidadá, deu lugar a unha resposta ambigua, no sentido en que se consultará se está vixente o regulamento do 90 ou non, e que non houbo tempo para dar pulo a un novo regulamento (a lembrar que foi presentado xa polo Tesón no concello e na Mesa de asociacións, a parte de enviado a tódolos partidos).
A resposta á segunda, sobre vagabundos e mendigos, comezou co recoñecemento de que algunha medida está tomándose (non dixo cales), pero con resultado débil, por ser un tema complicado: a P.L. non ten dereito a botar a xente da rúa, e non e cousa de poñerse como en Marbella, en plan nazi (o alacalde non empregou esta verba). Coido que hai cauces entre o 'laissez faire' e o nazismo, respetando ás persoas. Pero, igual que noutros campos, hai moito que camiñar para facer as cousas medianamente ben.
Sobre as obras de compensación de exposicións, aclarouse que o depósito está na Casa do concello, e que está previsto que a concellería de cultura distribúa obra cedida para que sexa realmente usada, pero está pendente de regulamento. En troques, o tema da lista de obras e o cotexo entre as obras e as exposicións, para ver que a norma se aplica por igual a todo o mundo, quedou sen resposta algunha, polo que o tema voltará a saír.
Respecto ó pago á SGAE, quedou claro que este ano non rematou para saber canto se lle dará, quedou clara a existencia dun convenio marco coa SGAE e o rexeitamento do alcalde de que haxa que pagar por cousas como a actuación da banda de música, incluíndo temas xa de dominio público (algo que lle parece 'indigno'). Deixou claro que daban ganas de voltarse insubmiso, pero non son cartos del, senón dos viciños (a entender que debe xestionar para evitar represalias ós viciños, non que os cartos están sendo xestionados dun xeito menos estrito que se foran propios)
En canto á pregunta, quedou en cursar a correspondente petición a Fomento, comentando que incidía nunha das preguntas feitas no mesmo pleno por un dos grupos (Ramón, PSOE)
Poderían facerse máis comentarios, pero coido que por esta, queda mellor así, deixando claros os comentarios e circunscribíndoos a temas e repostas puntuais.

1 comentario:

agremon dixo...

Xa que non apareceu polo momento na páxina web do concello, deixo unha nota de prensa do concello sobre o pleno que me chegou esta mesma tarde:
O CONCELLO CONTARÁ CUNHA COMISIÓN INFORMATIVA ESPECÍFICA PARA ESTUDIAR E DECIDIR OS NOMES QUE RECIBIRÁN AS RÚAS DE RIBADEO.
Ribadeo, 17 de marzo de 2009. No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo aprobáronse cos votos a favor de BNG e PSOE os estatutos e a adhesión á asociación para o desenvolvemento turístico interrexional en torno ao Eo. O alcalde, Fernando Suárez, di que “se trata dunha adhesión que forman concellos tanto da parte galega coma da asturiana coa ría de Ribadeo e o río Eo polo medio, onde se trata de coller este ámbito dos concellos que foron seleccionados para ser reserva da biosfera por parte da UNESCO. E trátase dunha asociación sen ánimo de lucro para que estes 17 concellos busquen axudas públicas que permitan contribuir ao desenvolvemento turístico da zona. Houbo certo debate con este asunto que ao final foi aprobado cos votos a favor de BNG e PSOE”.
Por unanimidade se aprobou a proposta relativa a nomes de rúas de Ribadeo e Rinlo “porque xa nos tiñamos reunido na xunta de voceiros e na comisión informativa previa. Foi aquel acordo relativo a nomes de rúas onde se tomou a decisión de poñerlle a dous espazos públicos que tiñan denominación o nome de dúas mulleres relevantes con Ribadeo. No pleno acordamos crear unha comisión informativa específica que elaborará unha nova proposta de rúas que actualmente están sen denominación ou que se remodelan de cara a darlles no nomenclátor oficial nomes de persoas ou de referentes importantes para a nosa vila”. Fernando Suárez engade que “dado que eso é boa cousa facelo cun certo grao de consenso quixemos deixar as cuestións que puideran dar lugar a un debate máis profundo, máis sereo para abordalos nesa futura comisión informativa que se vai crear entre todos os grupos da Corporación”.
Tamén se aprobou cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e coa abstención de UPRI a proposta de modificación do regulamento da agrupación de municipal de voluntarios de protección civil do Concello de Ribadeo. O rexedor sinala que “esta modificación debe desenvolver cales son as funcións concretas do que é a xunta directiva, os métodos democráticos de elección e a designación dunha serie de persoas diante da comunidade autónoma que estaban sen regular e que as diferentes leis de ámbito autonómico así o requerían. Agora estará a exposición pública para a presentación de alegacións”.
Fernando Suárez manifesta que “no capítulo de rogos e preguntas se presentaron unha serie de aportacións, as máis das veces sensatas por parte de todos os grupos da Corporación, e as menos das veces con algún oportunismo político o cal tamén é lóxico. Debo destacar que era un pleno corto o de onte, pero fóise alongando e incluso ás veces recibo críticas de membros da Corporación porque se alongan moito os tempos de intervención ainda que eu como alcalde si decido cortar o debate pois me poden acusar de non fomentar a participación, o debate, a transparencia… É un difícil equilibrio e eu non lle quero coartar ningún dereito aos que teñen que falar nos plenos. É certo que as sesións se están alongando un ouco, pero en todo caso o debate non é malo”.