Relatar un pleno non soe resultar curto, nin doado polas fintas, pequenos xaleos e demáis que se fan ó longo del. Neste caso, o pleno ordinario de marzo, non foi diferente, rematando preto das 11 da noite dende as oito da tarde ás que comezou. De calquera xeito, se tivera que resumir o pleno en poucas palabras, faría fincapé en que o balance de forzas externo, debido ás eleccións galegas, fixo mella na liña habitual de cada un dos grupos, sutilmente, de xeito que no futuro é posible que nos esperen plenos diferentes en canto a correlación de forzas e alianzas no salón, que non lóxicamente no número de concelleiros ata as próximas eleccións.
Comezou aprobándose as dúas actas anteriores. O punto número 2 foi unha dación de contas do grupo de goberno, preguntando a oposición por diversas facturas das tratadas. Entre outras moitas, saíron a relocier a primeira limpeza de mantemento do depósito de combustible que manteń o concello entre o Pazo de Ibáñez e a Aduana, a petición do número de exemplares de 'Ribadeo de Tapeo' (3 000 €), 2030 € en concepto de páxina web, obras por 20 000 e 40 000€ no centro de día, subvencionadas pola Deputación Provincial, un informe de intervención sobre o exceso de gastos (un máis e non o peor, onde se corrixiron xa algúns vicios anteriores, segundo o equipo de goberno), etc. Como curiosidade, Balbino Pérez pediu a presentación de tódolos informes anteriores, despois da súa propa petición de saber se o alcalde fora partícipe do equipo de goberno que el presidía; 'para rematar coas culpas sobre as débedas e excesos de gastos' (máis ou menos foi o motivo que aduxo).
A adhesión á 'Asociación Turística Interrexional' en torno á Reserva da Biosfera deu lugar a un debate que non esperaba. Postulouse o alcalde como representante e foron votados tamén os estatutos. Votou PP contra o resto dos grupos, pero o interesante estivo en que en contra do normal, que o suplente do representante en asociación diversas fora ampliamente discutido segundo ven sendo tradicional, neste caso, insistiu UPRi en saber quen era o proposto, pero nada máis. E iso porque se usou unha fórmula normal de substitución, sen ser nomeada en principio: o substituto do alcalde é a Tenente de Alcalde 1ª. O PP cualificou de ilegais os estatutos, e a asociación de chiringuito do PSOE, fixo saír a relocer que está sen asignación de cotas por aprte dos concellos participantes, destacou que a sé estaría na Veiga e non en Ribadeo, que a diretiva estaba constituída de 3+3 (Asturias/Galicia) representantes de concellos, co que espantábase a outros posibles socios e contribuíntes, como as Deputacións, etc. Foi contestado polo alcalde entre outras cousas que non se prevé aportación económica ou que o BNG que representa o alcalde está abondo menos representado que os outros partidos (en relación ó de 'chiringuito')
O nome das rúas xa esta acordado: quedan Amadora Suárez Couto e Ernestina Mansilla asignados, na procura de sitio para seren aplicados Saudade e 8 de marzo e o resto, adiados, pedíndose asemade un establecemento de criterios para asignación de nomes no futuro.
Foi a partir deste pundo cando a audiencia, que chegou a ser de 22 persoas nalgún momento, comezou a desfilar segundo intereses persoais, quedando ó final unha decea de persoas.
O punto seguinte, sobre o Regulamento da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil, foi votado a favor de xeito unánime, con escarceos sobre que os voluntarios non foron consultados ou si o foron, a baralla sobre o número de membros (máis de 100) e a súa pertenza real operativa, o control democrático e a constatación de que é infinitamente mellor do que había.
Pasouse a licenzas de ocupación comúns, xa tratadas e consensuadas con anterioridade, o regulamento de actividades deportivas municipais, sobre o que tamén había consenso, e logo, a unha moción do PP sobre a modificación da lei eleitoral (en relación co voto exterior), moción que segundo parece se presentou en outubro. A votación deixou a abstención do PSOE fronte ós outros grupos municipais, despois de remarcar diversos aspectos uns grupos sobre as posturas dos outros ou o feito de que un recén trasladado a Cataluña non poda votar nas galegas e si o poda facer un neto de emigrantes que non pisou nunca a terra.
O apartado de Rogos e Preguntas, como soe suceder, foi longo, encabezado pola UPRi, o que deu lugar á petición final do PP de que se alternaran en contravolta os grupos de comezo para que non lles pisaran as súas propostas e quedaran máis visibles, o que José carlos Rodríguez propuxo a carón de que asemade se usaran as normas correspondentes para que as dacións de contas non se eternizaran a raíz das preguntas dalgún grupo (UPRi)
Este punto final deu lugar a auténticas curiosidades. Noutro post sairán algunhas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario