20090425

ADEGA LUGO CONVIDARÁ AOS CIDADÁNS DA MARIÑA A PARTICIPAR NUN REFERÉNDUM SIMBÓLICO SOBRE O LITORAL

Nota de prensa de Adega:
Lugo, 23 de abril de 2009.-
Adega Lugo e Adega A Mariña celebrarán este domingo, día 26 de abril, o Día da Terra reivindicando a defensa do litoral galego, en xeral, e do lugués, en particular, fronte a proxectos urbanísticos, infraestruturais ou enerxéticos que prexudiquen os valores ambientais, produtivos e económicos destas zonas. Con este acto, Adega pretende chamar a atención sobre as ameazas ás que segue sometida a costa lucense, como as macropiscifactorías, as megaurbanizacións, as construcións ilegais,...e tamén ás que xorden agora como os parques eólicos mariños, tras coñecer recentemente que o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño vén de pertimir a colocación deste tipo de instalacións na franxa litoral entre Burela e Foz.
O acto terá lugar entre as 12 e 14 horas do domingo no parque municipal do Concello de Ribadeo. Alí os membros de Adega e os viandantes colocarán nun grande panel fotografías ou ilustracións de litoral “magoado” e destruído pola acción humana e, por outra banda, de costa sostíbel, protexida ou cumpridora coas esixencias das leis ambientais, urbanísticas ou patrimoniais. Ao mesmo tempo, Adega convidará aos viandantes a elexir unha destas dúas opcións para o futuro da costa galega, depositando nunha furna un “voto verde” (costa protexida) ou un “voto vermello” (costa urbanizada), no que ademais deben de expoñer o motivo da súa elección. A través deste mini-referéndum simbólico, búscase a participación e a expresión da vontade dos cidadáns da Mariña luguesa sobre o futuro do seu litoral
Nese mesmo lugar, haberá unha mesa onde Adega exporá o seu material didáctico e en relación á conservación e protección do medio ambiente. Tamén intentará conseguir apoios para o tren de proximidade entre Lugo e A Mariña a través da recollida de sinaturas.

Ningún comentario: