20090407

Da velocidade, o touciño ... e o concello

De todos é sabido que o que pasa en Ribadeo ten tendencia a ser achacado ó concello (en particular, se é para mal; se é para ben, é a propaganda oficial a que se encarga de xeito direito). É evidente que moitas veces se esaxera, pois o concello non pode ser omnipresente. Pero, ás veces, logra unir a velocidade e o touciño ó seu través, como se pretende naquela pregunta para saír con calquera tipo de resposta: En que se parecen a velocidade e o touciño? Neste caso, a resposta sería en que están xestionadas polo concello... Refírome a dous pequenos detalles (ou non tan pequenos, segundo algunhas queixas) que me chegaron onte. O primeiro, está en relación cun post que colguei onte, sobre as semellanzas e desemellanzas dos dous concertos do domingo, o da Banda e o I Festival de Primavera. Respecto ó primeiro, houbo boa música dentro, pero preservouse o ruído fóra. Respecto do segundo, a min chegoume amortecido, pero ás persoas que viven nun radio de 100 m de xeito direito (e hai varios edificios de 7 alturas), non notou a música tan amortecida, non podendo durmir ata o seu remate, no límite horario da consellería para istas actuacións en fins de semana, as catro da mañá. O resultado é que xente que ten que soportar a movida sufriu un día (unha noite) peor das normais de movida, e xente que non ten que sufrila pola situación da súa vivenda, apreciou dito sofrimento sen ser festas patronais nin outra festividade das que hai medio asumido que hai que deixar correr. Pois o concello estivo detrás do concerto: aparecía nos carteis, fíxose nun lugar que usa como aparcamento, ... e non houbo policía municipal.
O segundo foi na procesión da noite. Transcorría normalmente ata que, en plena peonil (r. Reinante) un cable fixo que a imaxe, o Cristo na cruz, tivera que manobrar para tentar pasar por unha beira e logo pola outra, por detrás de papelera, farola e banco. O cable supoño que estará aínda nestes momentos case xusto fronte á saída das galerías, entre a parede e unha farola. Cable de luz, pero atado (é dicir, sen servizo), voando a baixa altura entre as cabezas dos transeúntes. Hai outros moitos, en servizo e sen el, ó ancho e longo de Ribadeo, xunto con outros aditamentos (coido que na farola seguinte había un altofalante colgado, probablemente dos usados para machacar oídos no Nadal). É dicir, outro pequeno detalle que estaría a cargo do concello solucionar.
O das procesións lémbrame de novo que a Semana Santa xa comezou, que a publicación correspondente xa está colgada (ver Publicado en Ribadeo) e que hai moitos turistas (a prensa falaba hai poucos días dun pleno hostaleiro para os días festivos). Asemade, tamén me lembra unha iniciativa do concello publicitada na súa web sobre a organización de paquetes turísticos para visitar Ribadeo iste verán. Algo que seguramente será bó para a hostalería local.

Ningún comentario: