Onte comentaba as palabras de Duarte e onte mesmo unha nota de prensa do concello tamén as comentaba: a zona das Catedrais estivo ben atendida en canto a servizos durante a Semana Santa. a destacar que o meu comentario era sobre a idea das limitacións e prioridades, e non sobre a acusación de desatención da zona, pero claro, estaba citada. Pois ben, non fun por As Catedrais e non podo dicir se estaba desatendida ou non, e en concreto, se os servizos estaban abertos ou non. E aínda que parece raro que se non hai persoal adicado (iso dixo o alcalde no seu momento), os servizos estén abertos e atendidos, non teño motivos doutra índole para dubidar dun ou doutro. Pero son cousas que coido que se deberan aclarar doutro xeito, con datos ou fotos, con testemuñas de terceiros, para aclarar confusións e deixar á xente máis informada e tranquila cara ó futuro, sabendo que a verdade sairá a relocer. Porque cando non se aclaran de xeito nítido, as descalificacións dunha e doutra parte van chegando, aumentando, arrollando e desinformando á xente sobre a labor duns e doutros, co que a xente, o pobo, 'os votantes' non poden formarse unha opinión e responder dun xeito democrático.
Hoxe é nova a contratación dun arquitecto para control das normas Hábitat durante seis meses. Parecería que a cousa vai quedar curta, pero por algún sitio se comeza, e o caso é que faga a súa labor como é debido. En canto á contratación, nunca entendo algúns puntos da mesma, como que ó mesmo tempo puntúe o tempo de paro e os servizos prestados ó concello, cousas que en certo xeito parecen contraditorias, pero ise é un tema á parte.
E, noutro tema, o educativo, a próxima semana Ribadeo verá a XV Feira da Ciencia e Tecnoloxía no IES Porta da Auga e un Congreso de Inspección educativa. É de supoñer que os congresistas se acheguen á feira, pero ... pode ocorrer ou non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario