20090421

O Ribadeo que queremos








Hai tempo que fixen unha entrada co mesmo título, o Ribadeo que queremos, ó que seguiron varios máis co mesmo tema (por exemplo, este 'Ribadeo que queremos', ou este outro que tamén queremos de Ribadeo) e hoxe, a conta dos titulares da prensa e as notas do concello, lembro o pouco que se avanzou na proposta de discutir o futuro de Ribadeo. Non se fixo nin cando había unha certa obriga legal de facelo, na definición do PXOM (que por certo, está pouco a pouco sufrindo as revisións correspondentes ás mil alegacións, pero do que non sei de ningunha previsión para dar por rematado o tema), nin nas eleccións (cada quen propuxo unhas cantas cousas, pero sen unha guía, e menos conxunta), e maniféstase o contraste en moitos termos, como no caso do plan de vivenda, ou, estes días, na obra en Porcillán ou nos ataques e contraataques sobre a liña de alta tensión. Parecería que son dous temas tan alonxados que non teñen que ver o un e o outro. Pero a manifestación de ambos é froito da falta de diálogo público. Algo que non é exclusivo do actual goberno municipal, como xa teño dito moitas veces, pero no que este goberno non ten profundizado.
Unha nota: a pasarela non é execución directa do concello, pero coido que si que ten algo que dicir.
E outra: Parece que están traballando agora a marcha abondo rápida; achégase a homenaxe a Calvo Sotelo (lugar da foto primeira) e a obra incide xusto no lugar.
Haberá que voltar sobre o tema, hoxe non teño tempo máis que de resinar outras novas de prensa: a inauguración da Feira da Ciencia, o conflito cos ambulantes, que se xactan de non ter pagado o correspondente o que vai de ano e en ir contra do concello por vía xudicial, o novo día da polémica da liña eléctrica, e a elección de Fuente Parga como Presidente da Mancomunidade.
Nas fotos, a pasarela de madeira que 'ampliará' o porto, en construción. Excepto na primeira, que é o sitio onde será posta a placa homenaxe a Calvo Sotelo.

Ningún comentario: