20090414
Sei que o concello ten limitacións, pero ten que ter prioridades
O título é unha frase de José Duarte hoxe na prensa; denuncia 'en positivo' que os servizos de As Catedrais non estiveran abertos. E asígnaos como prioridade ó concello. O alcalde, este mandato, ten básicamente dous eixes de disculpa: só catro concelleiros en 13, coa limitación para realizar a carga de traballo que iso supón, e as prioridades, para ir sacando uns temas antes que outros.
O primeiro non se poderá cambiar antes das próximas eleccións, a non ser por un cambio de goberno no que dous partidos se coaliguen. Parece estar crua a cousa.
O segundo, as prioridades, si son cambiables, pero cambialas sería establecer outra política. A cousa é que ás veces é necesario facer outra política. Nunca se goberna a gusto de todos e todas, pero conxugar aquelo de 'que o urxente non te impida facer o necesario' implica un equilibrio que é difícil e nin moito menos inmediato, a parte de pararse a pensar no establecemento dun programa, e declaralo. O de declaralo vai por varios motivos: o manter a xente informada e o obrigarse a un cumprimento.
En relación co tema, o certo é que comentábanme onte que Ribadeo é un pobo estrano, no que levamos xa un bo tempo no que a oposición municipal está a levarse a cabo máis por particulares dependentes do concello que por partidos políticos. Eu non creo que sexa un pobo tan estrano; non debe ser moi particular que en Ribadeo teña esas relacións, pois deben existir en máis lugares. Pero moi normal non é.
Deixo como ilustracións tres fotos de moi diferente cariz. A primeira, unha tentativa de aumento de calado para os novos pantláns no porto deportivo; xa pensara eu que como ían a saír de alí os barcos en marea baixa, e resulta que parece que non saían. Afectará ó Paseo Marítimo? Non voltei dende a foto, aínda que supoño que antes o comprobarían. A segunda foto é un expoñente da primavera en Ribadeo, cunha árbore da rúa de Buenos Aires exultante de frores. E a terceira, a fonte dos catro canos descabezada de novo para amañar o entuerto do ovo masónico que lle puxeran por culmen.
Etiquetas:
Fotos ría de Ribadeo,
Fotos Ribadeo,
política
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario