Estes días estou escoitando (máis ben, lendo) diversas cousas en favor do castelán nun interesado conflito idiomático. Entendo que, con variacións, pero básicamente, o que se pide é que se deixen sen protección os idiomas, para que poda haber liberdade. O mesmo principio que en economía levou ó sistema económico que se autotitula único ó caos actual.
A premisa parte de que así ambos estarían en igualdade de condicións. Alguén cree que iso é posible se se suspende a protección? Un par de 'igualdades': TDT en Ribadeo: 25 canles, 23 de titularidade en castelán, 2 en galego. Lexislación a cumprir: unhas 3 páxinas de BOE en castelán por 1 de DOG en galego, sen contar traduccións cara ó castelán para cada unha delas e prácticamente nulas en sentido contrario.
Remato de ler un alegato para que os libros de texto esteñan nos dous idiomas, e os profesores teñamos que dar as clases nas dúas linguas. Coido que teño usado ambas na clase e fóra dela, en exames e en actividades extraescolares, pero para calquera que esteña no mundo da educación querendo educar, os plantexamentos do alegato e a forma suxerida son demenciais. A proposta de alternativa libre para escoller a lingua, a parte de facer unha auténtica división na sociedade (voltando á falta de atención nos servizos en galego, por exemplo), oculta un aumento moi significativo de número de profesores, precisamente cando se está a reducir o seu número (hoxe mesmo aparece nos xornais a reducción de 12 aulas de primaria na Mariña para o próximo curso). Os libros de texto? literalmente hai veces (experiencia persoal) que non se pode escoller en galego porque non se fai máis que versión castelá, mesmo con enganos ás veces para dicir que a versión galega sairá máis tarde, que a están traducindo (Por certo, se se traduce, iso quere dicir que se perden cousas (=calidade) na traducción, e que a inversión principal está para o castelán, mesmo nos libros editados en galego, non si?)
Noutro punto publicado hoxe, resulta que se pide que se suprima o exame de galego para a entrada na docencia pública. Se se quere igualdade, por que entón non se pon un exame de castelán? (cousa que por outra banda non estaría de máis dende outros puntos de vista nos tempos que corren). Se se suprime o exame de galego, o lóxico sería entón asegurar que nos exames anteriores hai tamén igualdade... o que non é certo. Por certo, asumir que non hai necesidade de exame en castelán implica xa de por si que é o idioma prevalente, o que coñece todo o mundo e polo tanto non hai que coidar do seu coñecemento. E, ademáis, se se pretende que a xente poda explicar en galego, como se asegura que realmente poda facelo se se lle require?
Sexamos claros, non se trata dunha loita (a menos que se quera facer tal), pero se se escolle facer esa loita, sería como David contra Goliath ... e David famento, sen honda, torto e manco, por moi boa persoa que se considere.
2 comentarios:
Pois que queres que che diga: Eu escribo aquí en galego, certo. Pero para mín e moito máis fácil escribir e ler en español.
Tamén digo outra cousa: ¿Qué pasaría si en lugar de tanto galego como tivemos na ESO e no bacherelato, tivesemos máis horas para mellorar a compresión oral en inglés?
Soamente recordar unha cousa: Canto máis inglés saibamos, máis competitivos somos. O galego aportanos cultura, certo, pero por exemplo a multinacional danesa Vestas soamente me vai contratar si domino o inglés, por moito galego que saiba, fora de Galicia non me sirve para moito.
Que conste que non estou renegando do galego senón que estou poñendo as cartas sobre a mesa para unha reflexión da importancia do galego e a importancia doutros idiomas no contexto actual.
Se nos poñemos a falar deste tema, non acabariamos nunca. Partimos da miña opinión persoal:
- Non e xusto que un alumno de Ribadeo ou de Foz, teña unha asignatura mais que un da Veiga ou de Tapia se lle vai a condicionar a selectividade.
- Non me parece ben que meus pais, que son galego-falantes, nos falaran a miña irmá e a min en castelán, por tanto, eu coa miñá irmá falo en castelán.
- Coa xente que eu me relaciono a nivel profesional e persoal, falo os dous idiomas.
- Á miña filla, fálolle en galego, e os libros de contos case sempre llos compro en galego, aunque si atopo un libro de calidade que me parece interesante para o seu desenrolo persoal e cultural pero é en castelán, non o desprecio e tamén llo compro.
- Sabemos que o galego ten moitas variantes, pero non nos debemos olvidar de onde vivimos, nacimos..., etc., polo que non me agrada que residentes e nacidos en Ribadeo, falen dos "jatos e das jaliñas", e coman "persebes" e merquen "sapatos i outras cousas", aínda que o respeto, o do i a modo de conxunción ponme furiosa.
- Estamos en Galicia, polo tanto, falemos en galego, escribamos en galego, leamos en galego. Fagámolo polo noso enriquecimento cultural, pero non porque nos obriguen. Temos un idioma fermoso, que debemos coidar, pero sin esquecernos do castelán.
- En resumidas contas, que estou a favor do bilingüismo, pero sea o que sea o que falemos, o que escribamos ou o que leamos, que nos identifique como persoas e que nos enseñe a respetar a fala dos demais. E por favor, non acabemos co idioma con tanta abreviatura nos SMS, que algunha vez, "costa un ovo" entendelos.
Publicar un comentario