20090519

E onte, pleno ordinario (I)

Esta tempada lévanse varios plenos extraordinarios (lembremos o da concesión de Calvo Sotelo e o de apoio ó sector leiteiro) antes de pasar ó xa tradicionalmente retrasado pleno ordinario, que tivo lugar onte.
Nove persoas de público no momento de máxima audiencia e só catro ó final manifestan que excepto temas de interese particular (é dicir, nos que esteñan involucrados abondos nomes concretos de antemán), os asuntos públicos seguen sen interesar. Certo é que foi un pleno que se verá que podía durar abondo menos (comezou ás oito da tarde e rematou preto das dez e media), pero a xente comezou a desfilar abondo antes do seu final. Mesmo se rematou sen catro concelleiros.
Comezo polo final. A resposta ás preguntas de O Tesón (lembremos, fóra de pleno e de recollida na acta polo momento, á espera dun regulamento de participación cidadá operativo):
1.Dado o alto número de solicitudes que os veciños presentan no concello e das que non se recibe resposta, solicitamos saber se é debido a unha aplicación consciente do silencio administrativo, a falta de funcionarios para respostarlas ou a outra razón.
R:O alcalde non debe contestar a preguntas xenéricas, pero todos os expedientes, procedementos, etc, cunha altísima porcentaxe seguen os prazos, aínda que poda haber casos nos que non se cumpre. Outra cousa é que interveñan procedementos con outras institucións involucradas, situación na que quedan detidos os prazos mentras non sexan respondidos. En termos xerais, o concello cumpre. (Nota: aclareille ó sair ó alcalde que non se trataba só de procedementos regrados, senón tamén de non regrados, e anoto que prácticamente todas as persoas que coñezo que presentaron documentos deste tipo están sen respostar nalgunha/na maioría ocasión)
2.Dado a alta porcentaxe de días que o parque está ocupado con carpas, segundo as nosas contas do orde de 1/3 dos días que levamos do ano, ademáis de instalacións diversas de outros usos, complementando unha pregunta anterior sobre o tema, solicitamos coñecer se existe algún estudo de usos do parque e a súa influencia no mantemento e uso primario, isto é, desfrute como parque propiamente dito.
R:Non hai un estudo do uso e ocupación do parque. Ribadeo ten pouca superficie dotacional pública, polo que hai dificultade para situar eventos. A ver se se aproba o PXOM para solucionalo, pero en tanto o concello non teña superficie pública, será como poda. (É dicir, seguiremos como ata agora aínda que a inversión correspondente á exposición nin seña rentable nin respete o parque, entre outras cousas)
Ben,dos puntos tratados, como soe suceder con frecuencia, a maioría do tempo foi adicado a Rogos e Preguntas, algo que coido que se podería tratar como suxerencias escritas, co que se lograría máis dinamismo, máis efectividade (sen ter que esperar ó pleno), rebaixar o populismo (é dicir, o facer que se mima ó pobo cando se está a buscar con que alimentar a propia actividade política sen necesidade dun criterio), etc. O resto dos puntos tratados, a parte da aprobación da acta anterior, tiveron que ver coa aclaración de diversas partidas presupuestarias (punto 2), a solicitude dun novo taller de emprego 'Ría do encontro' (punto 3), a ampliación do prazo de exposición pública do regulamento para rexir a Agrupación de Voluntarios, a contestación ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a actuación para ter un xuíz substituto no Xulgado de Paz, a Subvención para o plan concertado de Asuntos Sociais para 2009 (punto 6), e a tramitación de licenzas de nova ocupación de diversas vivendas (aprobada de xeito unánime).
Comentario ós puntos anteriores, no 2, houbo que lamentar a falta da interventora por motivos de saúde, non querendo o alcalde recorrer á axuda da persoa que a substituía para explicacións complementarias cando se lle escapaba ó equipo de goberno algunha resposta, solicitada como aclaracións de gastos. Neste punto, o mesmo pleno felicitouse da aplicación de turno de preguntas rotando nos grupos, o que permite que teñan a oportunidade de facer algunha vez preguntas en primeiro lugar. Saíron a relocer os reparos da intervención tódolos meses, chamando a axustar gastos, pedindo o PSOE (en primeiro lugar, logo sería dito nun ou outro momento por toda a oposición e remachado polo equipo de goberno) que se priorizaran gastos e tenderan a diminuír.
(...)

Ningún comentario: