UNHA LINGUA PARA TODOS (http://www.realacademiagalega.org/PlainRAG/notices/files/Unha%20lingua%20para%20todos.pdf)
Comunicado do Plenario da Real Academia Galega lido na Coruña polo seu Presidente nas vésperas do 17 de maio, Día das Letras Galegas 2009
Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo
a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente
sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación
histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel
Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa
cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do
Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia
Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos,
que consideramos fundamentais.
1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos,
lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte
consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das
Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo,
para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia,
que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo
que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.
2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero
tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non
é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente
o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o
coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns
dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos
a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.
3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos
avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un
cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa
causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos,
creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente
estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
gravísimas consecuencias para o futuro.
4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as
actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente:
un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na
consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de
recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus
falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.
5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica
típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos
informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o
uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a
manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen
o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que
parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.
6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza
da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades,
para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na
escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa
o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua
vehicular doutros coñecementos na escola.
7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas
a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos
de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando
as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística
non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu
recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de
comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a
publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza,
a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes
de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria
nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e
avivar todos os sectores que configuran o corpo social.
A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as
polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo,
ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras
decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas
desprotectoras da lingua galega.
Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións
que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador,
a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
en catro principios básicos:
1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para
acadar o seu pleno uso normal.
2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura
potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
(galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse
a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
das novas tecnoloxías.
3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
(Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica
dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan
dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma
de acadar a igualdade cidadá.
Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario
queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que
Ningún comentario:
Publicar un comentario