20090626

Diversificación de fonte

Hai cousa de doce anos comentaba nunha xuntanza onde había xente duns cantos países que a prensa en España mantíñase a un nivel informativo que coidaba abondo mellor que, naquel entón, por exemplo, Inglaterra, pero que había síntomas de que a cousa ía ir a peor. Coido que non errei. Aquí a prensa é máis 'democrática': non hai a prensa amarela-panfletaria que campou hai tempo en Inglaterra, pero coido que nos quedamos sen prensa independente, o que fai necesario diversificar as fontes. Non me estou a referir ó nivel local, onde a falta de medios (máis ben de persoal) para atender o sistema, xunto coa falta de novas de xeito continuado e a dirección das novas que se trata de exercer por quenes teñen máis capacidade de xeración de novas e maior poder, vese alomenos en parte compensado coa proximidade entre a propia nova e o público que a consumirá e a falta de intermediarios que a podan manipular.
De calquera xeito, o ampliar un pouco a visión e consultar varias fontes para ver diferentes perspectivas, se no pasado foi convinte agora é necesario, so pena de ter postas unhas orelleiras invisibles para quen as leva e polo tanto máis perniciosas, xa que non permeten nin ver máis que nunha dirección nin decatarse que isa dirección non é a única, senón tan só unha parte da realidade, que por elo pasa a verse, cando mínimo, deformada.
En Ribadeo, a nivel local, temos alomenos catro fontes diarias, dúas radios, Onda Cero (102,3 MHz) e a COPE (93,6 MHz), e dous xornais con separatas sobre A Mariña: La Voz de Galicia e El Progreso, xunto con un semanal, La Comarca del Eo, e outra prensa menor, como o mensual Cosco Express (alomenos, porque teñen pululado varias outras 'cabeceiras' que non vexo últimamente). Ós anteriores podemos incrementarlles na rede a Vieiros, xunto con algunha publicación máis, menos regulares. A nivel Galicia, ós comerciais citados hai que engadrilles O Correo Galego, Galicia Hoxe, O Faro de Vigo, A Nosa Terra, ... e gratuitos, como Delunsavenres, En Movemento, ... e por suposto, diversos blog tanto a nivel local (ver o lateral) como galego.
Poderiamos seguir a nivel nacional, con Público, El País, Vanguardia, ABC, El Mundo, ... todos con edicións dixitais (por certo, moi bo o 'kiosko dixital', con prensa dende nivel local a internacional).
Dentro da oferta, vése unha falta grande de paralelismo, tanto en modelo de negocio como en noticias ofertadas, orientación ou no seu tratamento. Por exemplo, os gratuítos (esta mesma semana anunciouse a retirada dun en A Coruña) son tratados moitas veces pola prensa 'de pago' como 'vendidos á publicidade', e polo tanto, faltos de obxectividade. Pero se vemos, por exemplo, o xa non renovado 'La Coz de Galicia', veremos que a extensión que se fai desa característica é en xeral a toda a prensa galega...
Vamos, que se de cando en vez non se mira o mundo a traverso doutras miradas diferentes ás habituais, o que veremos non será o mundo, senón unha especie de reflexo do propio embigo.

Ningún comentario: