20090625

Inicio de desbloqueo? Ribadeo pode e debe ter outra entrada dende a autovía

Iso parece: A comisión de Fomento do Congreso dos Deputados insta ó Goberno a poñerse en contacto co Concello de Ribadeo para falar sobre as características que debe ter unha nova ligazón coa autovía, ó tempo que a sacar o cartel de 'Ribadeo sur' que aparece en Dompiñor e que tanto engana ó automobilistas, pois parece que tería que haber outro para 'Ribadeo centro' ou 'Ribadeo norte'. O tempo que levará? Sen dúbida, moito aínda...
Por outra banda, falando de obras, hai outras que poderían ir máis rápido. É unha anécdota, pero non deixa de ser sintomático: excusar a asistencia a unha xuntanza das que se veñen mantendo sobre o PXOM pódese entender, pero facelo para ver un partido de fútbol, mesmo da selección española, parece non cadra moito, mesmo co cansancio que deben ter os concelleiros na revisión das 1 150 alegacións que se presentaron. E non é tanto por intereses puntuais que se manifestan, senón porque se pode imaxinar que se cousas persoais dese calibre excusan asistencias, outras que se poidan interpretar como algo maiores terán asemade efectos algo maiores. En canto a que sexa un ou outro quen o fai, non está de máis ter unha idea para xulgar, pero o perxuízo é para todo o concello e os que participan nel.
Perxuízos son tamén os financieiros que representan para tódolos cidadáns a débeda do concello, que segundo nota de prensa, anda axustándose pero está aínda preto dos 5M€, o que representa, se non fago mal as contas, e respecto ó orzamento que se tentará aprobar, algo así como o 55%, e xera unhas cargas por intereses de non menos dunha decea de millóns das antigas pesetas (voltando a traducir, non menos de 500€/dia, ou 5c por ribadense afincado e dia). A dicir que o concelleiro admite un pequeno aumento no 2009 (0,1M€), pero representando na realidade unha mellora debido a que non se contabilizaran aínda entradas da recadación por conta da Deputación.
E, para ter máis seguridade, Rochas Brancas disporá dunha fermosa valla metálica. O de fermosa, naturalmente, púxenllo eu. De novo unha 'protección' para que ninguén saia perxudicado por un desprendemento debido a unha imprudencia. Agora está valada de xeito provisional.
Onte, mercado. O de pagar as débedas non o teño claro que xa sucedera, pero si parece haber máis orde na disposición de postos despois da polémica de meses pasados.
E en espera da concentración motera desta fin de semana, despois do concerto de fin de curso da EMMD o venres, e Fred Morrison á gaita o domingo ás nove no Hernán Naval, en dez días, A burla do galo será estreada polo grupo municipal de teatro.
Outra nova particular é que están comezando a poñerse en marcha os paseos guiados por Ribadeo, 'Coñece o teu concello', polo momento só en prácticas con outro grupo de fóra. Espero publicar pronto texto e fotos de Pancho Campos sobre o tema.

Ningún comentario: