20090611

Ligados a Ribadeo

Vía un blog diverso, remato de lembrar un sitio que xa atopara e outro novo: o primeiro, sobre a rede galega de espazos protexidos, incluíndo o LIC das Catedrais ou a chamada alí 'Ría do Eo' (si, en Galicia, referíndose á Ría de Ribadeo), e o segundo, unha táboa de mareas de Lugo, con diversos aditamentos, como a saída e posta do Sol en Ribadeo, en horario legal, non UT.
As novas de hoxe inclúen a entrega onte, anunciada con cartelería, dos premios de Ribadeo de tapeo, coa edición do libro ('que estará a venda nas librarías de Ribadeo ao prezo de 3,60 euros e ademáis quixemos no prólogo facer unha mención especial a unha persoa moi querida en Ribadeo, recentemente falecida, que é Víctor Novo Mourelle que rexentaba O Alén. Desde o Concello, desde a organización quixemos lembrar a súa memoria e adicarlle este libro recopilatorio', segundo a nota do concello), e a recepción da Q de calidade turística para dúas praias ribadenses, Catedrais e Castros/Illas, dun total de sete en Galicia, o que non está nada mal.
Parece que vai incrementándose a participación para a comisión de festas. Onte, unha participante comentábame de pasada que van polas quince persoas. Certamente, sería unha comisión numerosa.
Tamén trae a prensa a nova dunha ausencia hoxe: a da draga do porto, despois de sacar 124 000 m3 de area, e 'botala fronte a Burela', nunha operación que, botando contas (case 500m de longo e 100 de ancho) implica darlle unha profundidade aparente de dous metros e medio (aperente, porque a area cae no dragado dende o tesón, retirándose o tesón pero sendo incluída nas contas de multiplicar como profundidade).
E xa está inaugurado o gran galpón verde en Castropol (xusto no límite coa Veiga) que se ve dende a estrada a Lugo e que ten algunha entrada adicada no blog (por exemplo, ou mellor, iste).

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Lamento ter que contradecir a información da prensa sobor da descarga da area. Non se fixo fronte a Burela, senón a na mesma bocana da ría, fronte a Punta da Cruz.

agremon dixo...

... por algo deixei a cita entrecomillada...

pancho dixo...

Hasta fai corenta anos nunha casa de Navia o carón do rio Frejulfe figuraba unha placa que poñia: "hasta aquí llegan las Tierras de Ribadeo". Etimolóxicamente Ribadeo son as terras de ambos lados da Ría de Ribadeo, topónimo marítimo historico legal. Ria do Eo non é nada, so un término paleto creado por delincuentes informáticos.

agremon dixo...

Pancho, neste caso o nome foi cousa dun asturiano que defendeu/fixo as xestións para o título de espazo protexido, e foi antes de que chegara aquí internet. O caso é que agora cargamos con el, e non teño idea de se se lle pode cambiar o nome dun xeito doado ou non: aínda hoxe figura en Google maps o de 'Rio de Ribambo' en troques de Ría de Ribadeo.