Felicidades a tódolos Xoán/Xoana. É un día do que todo o mundo sabe o patronímico correspondente, e non é a causa do el-Rei, aínda que neste caso, na actualidade, a cousa coincida. De calquera xeito, e no sentido real, o día descendeu de categoría, pois houbo un tempo no que lembro que foi festivo. O que non baixou de categoría foi onte o día, brumoso, acompañando o lume das fogueiras sen chegar a perderse a silueta do horizonte máis próximo nesta noite na que o lume tenta axudar ó Sol para que a noite non vaia medrando e a obscuridade non inunde unha parte cada vez maior da existencia.
Hoxe coincide mércores, mercado. E penso que hoxe si haberá mercado como leva tendo lugar xa varios meses, sen incidencias. E pregúntome, estará normalizado o pago da ocupacion do mercado plos mercaderes? É un tema do que non se voltou falar, e a verdade é que cando se deixa de falar dun tema de pronto, soen quedar moitos flecos esquecido. Neste caso, cun goberno municipal con pouco saldo en caixa, sería cousa de que dixera que os pagos xa están ó día. En caso contrario, enténdese que non o están, xa que á volta dos mercaderes ó mercado (coa mellora do tempo e o previsible aumento de vendas) os pagos non estaban ó día.
Trascendeu á prensa que o orzamento deste ano no concello vai ver minguada a súa monta cousa dun 5% respecto ó do ano anterior, non chegando ben ós 9M€. Naturalmente, ó pasar polo pleno pode ser modificado, pero o cinturón xa está apretado para tentar de reducir a brecha entre gasto e ingreso en tempos de recesión. é de supoñer que por algún sitio se ha notar un menor gasto, pero xa se verá por onde.
Para compensar o anterior, está a mellora de comunicacións. Por unha beira, o congreso recibe en comisión a proposición do BNG para facer o acceso central dende a autovía, por Vilaselán, algo que coido que viría ben a Ribadeo. Por outro, máis adiantado, xa está aquí (nos concellos correspondentes) a exposición do estudo informativo da autovía dende Barreiros a San Cibrao, a xunguir coa vía de alta capacidade Celeiro-San Cibrao e completar así o corredor da costa na zona.
Deixo dúas fotos da auga en Figueirúa. Da auga cristalina de fai un decenio pasou a ser auga cocha na actualidade que reflexan as fotos tomadas a semana pasada. Coido que as fotos amósano abondo ben, a pesares da dificultade dos reflexos.
E, ó procurar as fotos de Figueirúa, atópome coa da rúa Calvo Sotelo, aínda sen entregar, aínda sen rematar, pero usada a pesares do que se dixo no último pleno, e lembro unha invitación que me fixo chegar un amigo blogueiro (grazas, Ángel) e que reflexa algunha das andanzas do alcalde actual pola villa e corte, o próximo luns:
"O Presidente da Xunta de Galicia
e no seu nome
o Director da Casa de Galicia en Madrid
Comprácese en invitalo á presentación do libro, editado polo Concello de Ribadeo
«CON LEOPOLDO CALVO-SOTELO, EN RIBADEO»
No acto intervirán D. Manuel Fraga Iribarne, senador e ex presidente da Xunta de Galicia; D. Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo; D. Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, letrado maior do Consello de Estado; D. Bieito Rubido, xornalista; e D. José Ramón Ónega López, director da Casa de Galicia en Madrid; todos eles colaboradores do libro.
29 de xuño de 2009, luns, ás 20:00 horas"
Naturalmente, antes ven a versión en castelán, e despois o lugar da casa de Galicia, C/ Casado del Alisal, 8.
E unha pregunta: venderase o libro en Madrid?
Ningún comentario:
Publicar un comentario