20090609

Visita ó Castro de Viladonga

O sábado tivo lugar a comida social da AVV O Tesón. Este ano, á xuntanza social uniuse a visita organizada ó Castro de Viladonga, realizada pola mañá. Coido que é interesante para poder establecer unha relación co que se avance no castro das Grobas. A dicir como introdución que que a escavación en Viladonga comezou no 1971, logo o que se pode observar hoxe é froito de preto de corenta anos de actuacións, e hai que miralo en tal perspectiva se nos queremos facer unha idea do que pode ser o futuro nas Grobas.
A visita comezou coa visualización dun vídeo introdutorio, despois do que se pasou á visita ó castro propiamente dito, aproveitando un momento sen choiva, e logo rematou voltando ó museo e rematando alí a mañá.
Coido que se podería dicir moito sobre as dúas horas que o grupo pasou alí, polo que supuxo de descubrimento e aprendizaxe sobre a temática castrexa e Viladonga en particular, pero tamén opino que é cousa de fixarse en detalles relevantes e non en facer unha descrición completa da mesma.
En canto a detalles, refiro só dous, ben diversos, relacionados con Ribadeo e a actualidade:
- En Viladonga están expostos os restos dun xeito organizado. Despois de ver o tempo que leva sendo escavado, non se pode pretender ter xa algo semellante aquí, pero pódese apuntar que sería desexable que os máis de 300 restos atopados deran lugar a unha pequena exposición en Ribadeo a finais do presente ano ou comezos do próximo. Por varias razóns, entre as que cabe nomear que non caia en esquecemento o froito obtido nas Grobas ou o evitar que as pezas sexan adxudicadas a algún lugar, museo ou entidade allea a Ribadeo, podendo mesmo, no futuro, pretender que pouca relación teñen con Ribadeo (como pasa con outros achádegos ribadenses, como a diadema ou restos atopados na ría)
- Aparece nunha das vitrinas o feito de que o vidro atopado correspondente á derradeira época do castro fora de peor calidade que o correspondente á anterior época. Nun momento en que se pensa que a historia só pode ir 'cara adiante' (aínda que se estea pasando por unha crise económica e social), é ilustrativo e correspondente con produtos de peor calidade ou consideracións sociais descendentes.
En fin, trátase dunha reseña, non dun resume, polo que remato lembrando algo que xa apuntei varias veces: Por que non facer unha mínima sinalización da posición do castro e editar unha pequena guía? Coido que mesmo serviría, a parte de para a promoción turística, para contribuír á protección do castro en espera dunha auténtica escavación e posta en valor.

Ningún comentario: