20090723

Aceite de cociña reciclado. Refrito de novas.

No verán non é raro obter un refrito de diversas cousas andando por Ribadeo, isto é, ribadeando. Podes escoitar o tema recurrente do tráfico, as obras (especialmente este ano), o tempo (non se voltou escoitar falar da predicción do tempo por parte dos comerciantes), etc.
Fíxome sorrir onte o aceite de cociña reciclado. Vin por primeira vez (non sei o tempo que leva) a propaganda de garaxe San Andrés no contedor de aceite das vivendas sociais. O patrocinio privado de actividades do sector público non é novo, e é algo aproveitable. Ás veces, fáime sorrir, como neste caso, noutras, paréceme unha complementación sá e beneficiosa para ambas partes, e ás veces non é máis que unha colonización das voluntades por parte de intereses privados. Hai que procurar que non sexa esto último.
Comezaron as obras na praza do mercado. Están levantando o chan todo, aínda que parece que oficialmente é para suprimir barreiras arquitectónicas.
E, mentras, o Principado segue a falar, e a prensa a recoller o falado, de Eo pro Ría de Ribadeo. De calquera xeito, iso de conflito lingüístico está superado por outros feitos: refusa facer estudo medioambiental das obras que afectan á ría. Non é nada novo, nin en Asturias nin en Galicia, pero segue a ser doloroso constatalo unha vez máis. Así, amarres en Castropol e aparacamento nas Figueiras seguirán adiante mási ou menos coa consigna de 'eu tamén', sen importar que o exemplo que se segue (máis ou menos o de Ribadeo) é bo ou non.
E, para finalizar coas novas de hoxe, un artigo na Voz de Galicia ven a poñer sobre o papel, de novo, a evacuación de papel de Navia. A xulgar polas trazas, a solución do tren de FeVE aínda non está madura, e Ribadeo seguirá a ser durante moito tempo porto para ENCE.
Máis? hoxe non chove (moito) ... e mentras se prepara a festa do Percebe en Rinlo, despois do concerto do 25 de xullo pola banda, e despois da presentación mañá venres dunha 'curta experimental' rodada onte no mercado, o Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo ten páxina web. Por certo, que aparece como organizadora a 'Asociación EoClásica'. Non a coñecía. Parece nova. E o nome, tendente a embarullar as cousas. Asemade, en catro páxinas en total, aparece unha versión en inglés (non en galego) e os artistas, cunha familia predominando.

Ningún comentario: