20090721

... e houbo asamblea

O domingo foi a asamblea de O Tesón. Xa está no seu blog a acta (provisional polo momento, mentras non se aprobe) levantada no acto,
Como a calquera acta, fáltalle algunha das cousas faladas de xeito máis rápido (xa me dixeron máis dunha). Pero queda clara a traxectoria da asociación ata o momento e no próximo futuro, principalmente en prol da consecución da participación nos veciños na vida do concello. Tanto insistindo pola regulamentación que o concello debe ter para adaptar normativa de rango superior como por parte dos veciños, coa concienciación pertinente para exercer esa participación nun terreo que nos afecta a todos.
Moitas veces levo falado no blog sobre cousas semellantes, e coido que, se ben o avance é a paso de caracol (lento, cunha compoñente errática que ás veces leva ó retroceso, ...), o feito é que se produce, e iso polas dúas compoñentes, tanto pola institucional como pola social. O que non quita que sempre haxa que tentar de presionar, de dicir que existen os veciños en máis ocasións que nas votacións de inicio de mandato, para seguir adiante nese camiño.
Na traxectoria de O Tesón, despois do paso do ecuador deste goberno municipal, e múltiples documentos razoados que foron enviados ó concello, queda o comezar a referilos un a un de xeito público (pola prensa) tamén comentados, pedindo unha resposta e deixando tempo para dala. Non se dixo na asamblea e non sei se se vai facer, pero o certo é que facéndoo de quince en quince días xa hai tema na práctica ata a próxima cita electoral local.

Ningún comentario: