20090710

Novas do máis aló (cibernético)

Polo que coido é a súa importancia, fágome eco dun comunicado de Ciberirmandade da fala de hoxe mesmo (engadíndolle algunha ligazón, se ben non chegan á calidade das que xa traía o escrito):

A Xunta ameaza con desmantelar Mancomún

No web da CiberIrmandade.

Acaba de ser publicada a folla de ruta tecnolóxica da Xunta do Partido Popular e todo parece confirmar os peores agoiros que ameazaban os proxectos tecnolóxicos iniciados polo bipartito. Iniciativas tan positivas como Mancomún, Galinux ou a Rede de Dinamización quedan condenadas a desaparecer unha vez que o PEGSI sexa derogado polo novo "Plan Estratéxico Global" que se licitará neste mes de xullo.

Tal como se pode comprobar no documento aprobado hoxe, a Xunta do Partido Popular acaba de aprobar un plan no que os proxectos tecnolóxicos do bipartito desaparecen completamente, sen propoñer alternativas concretas que os reemprazen.

En contra das promesas electorais de Núñez Feijóo -lembremos que prometeu implantar o software libre na Xunta- o plan tecnolóxico nin siquera menciona esta posibilidade. Esta omisión resulta especialmente significativa nun dos eixos prioritarios, o do "e-goberno" (ou sexa, a administración electrónica) no que nin sequera se mencionan os estándares abertos.

A falta de compromiso co software libre contrasta coas adxudicacións multimillonarias feitas a Microsoft e autorizadas polo Partido Popular en canto chegaron ao poder, tal como denunciou no seu día a prensa.

Feijóo mesmo chegou a verse recentemente traizoado polo subconsciente ao afirmar "Me gustaría poder tener un 'Power Point' para explicar todo el plan", nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Toda unha declaración de principios implícita.

Ningún comentario: