20090710

A protección da paisaxe


Onte, ó pasar por enésima volta por diante do muro da foto, ver o seu emparedamento entre o ceo e o asfalto e o acompañamento do lateral dos edificios veciños, decidín tomar a foto.
O revestimento mural de cartelería, nun lugar estratéxico de paso ós institutos, é renovado periódicamente, acadando sucesivamente máis e máis extensión. Coido que, debaixo da cartelería, nalgún lugar, hai un recadro onde estaba permitido a colocación de carteis, deixando o resto do muro libre. Recadro desaparecido que fai pensar no mantemento das leis despois da súa promulgación, e máis aínda, as forzas que as crean, as manteñen e velan polo seu cumprimento.
Coincidiu o anterior con que caera nas miñas mans un folleto sobre a "Lei de protección da paisaxe de Galicia", folleto que, no por que desta lei comeza cun apartado que titula 'o noso orgullo', e remata con outro que encabeza con 'o futuro da paisaxe, o noso futuro'. Non obstante, está aderezado con outro apartado que titula 'o que fixemos ben', despois de comezar facendo referencia ó seu nome completo, incluíndo a súa data de nacemento, baixo o bipartito, o que, despois dalgunhas notas aparecidas na prensa sobre a diferente interpretación de moitas cousas do novo goberno fronte ó pasado, fai dubidar da súa aplicación 'tal cual'.
Coincide tamén ca nova de prensa da xustificación pola Xunta da liña de alta tensión, que pasa a ser de interese supramunicipal mentras a empresa xa comezou os contactos para a adquisición de dereitos de paso e aínda sen comezar o prazo de alegacións.
É así como uns poderes impulsan as leis, se interesesan a outros (ou ós mesmos), póñense en funcionamento e mantéñense, e aínda, se interesa a outros (ou ós anteriores, ou ós primeiros), cúmprense ou fánse cumprir... alomenos para un grupo social. Camiño tortuoso ás veces, pois o promulgar unha lei é só un comezo que parte do público afectado ve moitas veces como final; de aí a importancia de exercer como cidadán cos seus dereitos, en troques de pasar a mero consumidor, mesmo de leis.
Nota posterior: En comentarios deixo a nota de prensa orixinal da Xunta refrente a liña de alta tensión.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Xa sei que este comentario non pinta nada nesta entrada, pero onte o consello da Xunta aprobou a declaración de impacto supramunicipal para a liña de alta tensión ata Folgosa, co cal parez que vai seguir adiante, malia ter dito o sr. Lombardero que confiaba que o novo goberno ía arranxar o asunto.

Resumo de prensa do consello: http://www.xunta.es/periodico/090709consello.pdf

O referente á liña de alta tensión vai na páxina 15.

Saúdos

Anónimo dixo...

Perdoa, acabo de ler o post enteiro e xa vexo que tamén falas da resolución.

Noraboa polo teu traballo,que nos sirve a moitos que non estamos por ahí para estar ao tanto do que pasa en Ribadeo.

agremon dixo...

Nota de prensa da Xunta:
A XUNTA DECLARA A LIÑA ELÉCTRICA AÉREA DE ALTA TENSIÓN 132 KV E A SUBESTACIÓN DE RIBADEO PROXECTO SUPRAMUNICIPAL POLA SÚA TRANSCENDENCIA ENERXÉTICA
O Consello da Xunta declarou a implantación da liña eléctrica aérea de alta tensión (L.A.T.) de 132 KV, que transcorrerá polos concellos de Trabada e Ribadeo, e da subestación de Folgosa, situada ao final desta liña, como un proxecto de incidencia supramunicipal, por tratarse dunha infraestrutura de gran transcendencia enerxética que afecta máis dun municipio.
Este proxecto ten como obxectivo mellorar a rede de distribución eléctrica da zona do nordés de Lugo e o abastecemento das necesidades de potencia eléctrica motivadas polo desenvolvemento nos concellos da Mariña.
A declaración destas infraestruturas como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal é o primeiro dos trámites administrativos antes da aprobación definitiva do devandito proxecto polo Consello, que suporá a posta en marcha dunhas obras cun orzamento estimado de 1.301.339,59 euros, no caso da L.A.T., e de 1.103.483 euros, para a subestación de Folgosa, en Ribadeo.
A liña aérea de alta tensión sosterase sobre 43 apoios, cunha lonxitude de 9.354 metros e contará cun sistema de 132 KV de intemperie de simple barra, con dúas posicións de liña e dúas posicións de transformador de potencia, ademais de dous transformadores de medida de barras.