20090705

Tentando influír no tempo


Póñome á letura da Comarca desta semana e atopo unha columna con título 'Acisa e CCA denuncian que las previsiones erróneas del tiempo en televisión repercuten en la hostelería y el comercio'. O caso non é ise. Lendo no interior, parece que pretenden influír para que non se coloque unha nube sobre Ribadeo e así non asustar ós turistas. Ó caso é que esta tempada o tempo está así, e mesmo cando en Lugo fai sol e calor, en Ribadeo está unha nube que non se ve a outra beira da ría.
É certo que a previsión do tempo xa se ve influída por lobbys de diverso tipo que actúan de xeito diferente segundo a administración: non é doado, por exemplo, que coincidan para Ribadeo as previsións de Meteogalicia coas de Aemet, como teño podido comprobar en moitas ocasións. Por iso non é raro que unha asociación ribadense tente facer algo semellante. Pero coido que unha cousa é esixir a máxima exactitude e outra moi diferente o que unha asociación entende por mínimo perxuízo. E remarco o de 'entender', pois se ben está claro que as praias son unha atracción, tamén coido que non é nin moito menos a única, e que entre elas está o non pasarse o día sudando e poder durmir con algo por riba do corpo en troques de empapado de suor. E outros sectores poden ter outros intereses, e, comezando coa guerra de intereses, moi posiblemente non quedaría beneficiado ninguén: nin as axencias de meteoroloxía polo desprestixio acarrexado, nin os hosteleiros porque a xente remataría non crendo as prediccións, ...
A foto, dun banco diante da casa de Calvo Sotelo, no mirador sobre a ría de Ribadeo. A mancha non é tal, é ... consecuencia do clima húmido da terra.

Ningún comentario: