Levo uns cantos días esperando a reacción á campaña do colexio de Médicos de Madrid, "No beses, no des la mano, di hola". Polo que parece, non hai reacción.
A cousa está na prevención da gripe mexicana, e chamoume a atención dende o principio e cada vez máis. Unha cousa é unha profilaxe fronte á enfermidade, e outra un alento de deshumanización. A campaña, segundo eu entendo, incide máis no segundo que no primeiro. Polo momento a gripe é contaxiosa, quizáis algo por riba da media, pero non é especialmente incisiva despois do contaxio. Mortes? Si, cando hai complicacións, de xeito semellante a outras epidemias de gripe. Mediatizada? Moito, pode que para escapar das novas contínuas sobre a depresión económica / capitalista mundial. De aí a que haxa unha psicose sobre o tema, unha vez mediatizada, hai un pequeno salto. Salto que nalgún momento xa se deu.
Que os médicos esteñan recomendando profilaxe non é cousa nova, é lóxico e é o seu traballo. Que a profilaxe, ante unha enfermidade como ista que eles mesmos están a dicir que non é epecialmente grave nin diferente dunha gripe 'normal' salvo pola desestacionalidade, sexa de transcendencia afectiva, xa non me parece tan lóxico. Coido que é algo así como o de 'peor o remedio que a enfermidade'. E, mentras, bica, da a man, di hola...con precaución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario