20090823

Un blasón en Ribadeo: o escudo da aduana nova de Ribadeo


Despois de estar cuberto por un panel co escudo correspondente á monarquía de Xoán Carlos I, na actualidade a aduana está de novo co vello blasón, como amosa a foto.
O réxime político do franquismo está caracterizado por ser un sistema dictatorial, concentrador de poderes e supresor de actividades políticas e sindicais. O gusto polas épocas pasadas de grandeza española, pero sen facer referencia ás monarquías recentes para non socavar a súa propia base, levou á adopción inicial para o blasón dun simbolismo doutra época: a águia, o xugo, as frechas e a estrutura do blasón lembran a dos reis católicos, pero sen a coroa real. No escudo da aduana vénse case todos estes símbolos pero con variacións, como o flanqueo lateral das columnas de Hércules e a lenda 'non plus ultra'. Asemade vése a coroa, pero baixo a águia protectora que está representada non só pola cabeza, senón tamén polas ás. Coido que cabería dicir abondo do simbolismo de todo o escudo, incluído no mesmo a viaxe das tropas africans pasando Xibraltar.
Afondando no escudo-base que serviu para a construcción do símbolo franquista, os reis católicos, unificadores dos seus reinos e anexionadores de Navarra, incorporadores de Canarias e conquistadores de Granada, beneficiarios do descobremento de América, adalides relixiosos e sobresaíntes entre o poder dos nobles da época, puxeron as bases do desenvolvemento español posterior, e deixaron gravados no seu escudo as guarnicións de Castela, León, as Dús Sicilias e Granada na parte alta, dominadas pola coroa e a águia de San Xoán Evanxelista, homenaxe ó día no que Isabel foi coroada como raíña de Castela, o 27 de decembro de 1474. O xugo e as frechas foron collidos en base á unión e imperio, e ó corresponder coas iniciais de Ysabel - "Yugo" e Fernando – Frechas. Así, cando un dos monarcas estaba ausente, o outro completaba o seu propio selo real co símbolo do monarca ausente, reiterando a súa unión e a do territorio español.

Xoan Carlos recuperou os símbolos monárquicos, dun xeito simplificado. No blasón son representados Castela, León, Aragón, Navarra e Granada, dominados pola coroa. No centro, o escudete característico dos borbóns, tres flores de lis, introducidas no blasón por Felipe V a instancias do seu avó Luis XIV de Francia. Si, pero ... na aduana xa non se ve.

Ningún comentario: