(publicado na Mariña / El Progreso o 4/10/1996, e en http://personal.redestb.es/agremon/marina/marina1.html )
Flor III. Así se titula o 1º premio do certame fotográfico medio ambiente 96 organizado polo ateneo ferrolán. A fotografía é sinxela: a central térmica das Pontes iluminada de noite, con tres das catro torres de refrixeración xerando vapor de auga, que forma unha nube e non permite ver a cheminea na súa parte superior. Antoine de Saint-Exupéry fíxolle dicir á súa creación, o Pequeno Príncipe, que a esencia das cousas non é visible. En flor III maniféstase unha invisibilidade parella: A contaminación que aparece visible non é nada comparada coa que está producíndose ahí mesmo e non se ve, oculta por ela.
Nas Pontes, a condensación de auga nas torres de refrixeración é moita, xera un desequilibrio no medio, e iso é unha contaminación. Pero afecta a unha pequena zona que de por si xa era húmida. É un desequilibrio menor. En cambio, pola alta cheminea (cando se fixo, a máis alta de Europa), saen día a día moitas toneladas de gases perxudiciais. Non só se produce o resultado típico da combustión "limpa", o dióxido de carbono, que parece ser o maior causante do efecto invernadoiro, senon tamén gases con azufre, por exemplo. Estes últimos, xunto coa auga que hai no aire, forman un dos ácidos de mellor reputación como tal: o ácido sulfúrico. Ó caer á terra cando chove, podemos ver como queima as plantas. E iste efecto faise sentir moito máis lonxe que as néboas producidas polas torres de refrixeración. Está claro que as néboas que se sufren na Mariña non teñen a súa orixe en As Pontes, pero sabemos cando chove con vento daquela zoa con só mirar algunhas árbores. Nós e ate os ingleses, que presionaron para conseguir modificacións na chimenea.
A central térmica ten un sistema de depuración de residuos, e tamén un sistema de seguemento de varios tipos de contaminación. E segue a contaminar. Agora hai que traer carbón do estranxeiro, máis enerxético, barato e menos contaminante, ... para o que hai que queimar gas-oil., non tendo xa en conta outras cousas relacionadas coa economía.
O caso é que a electricidade producida fáinos a vida máis facil. Ainda que sempre haberá quen diga que non, que con todos estos "modernismos" o que estamos a facer é complicarnos a existencia, o certo é que hoxe por hoxe é imposible deixar de usalos. Deste xeito a humanidade enteira vese abocada a consumir os recursos do planeta e usalos para producir un desequilibrio cada vez meirande. Aumentan as manchas de petróleo nos océanos, os vertedeiros e as catástrofes como Bens, Chernóbil ou Mar Exeo, para poder transportar, manter a casa limpa, aforrar algún carto, usar cada vez máis enerxía máis barata ou ... ¿que máis da?. Para todo se pode atopar un motivo, e convintemente aleccionado, sempre se atopará quen o defenda.
Para tratar de reequilibrar a situación, a mellor campaña pode que sexa o ordenar o que coidamos sobre o equilibrio natural e tratar de actuar conforme a unha sentencia: "Pensa globalmente, actúa localmente". Cada vez que un se pon a meditar sobre ela, atópalle unha nova aplicación, dende a ecoloxía á corrupción, pasando pola educación ou a paz. E, ¿neste caso concreto?. Todos podemos poñer o noso grao de area, non só esixindo de gobernos e empresas o control ecolóxico, senon mellor aínda axudando a producir menos contaminación. Dende apagar esa bombilla cando saímos da habitación , ou o televisor que non estamos a ver nin escoitar realmente, ate plantearse a utilidade real de moito alumado público que pasa a noite sen iluminar a ninguén e que pedimos que se poña, quizáis para protexernos. Pode que nos dous primeiros exemplos logremos un pequeno aforro de cartos e tamén que as bombillas ou televisor duren máis. No último, o aforro pódese empregar precisamente en preveer para que non teñamos que protexernos tanto e o mundo sexa un pouco máis agradable. Novamente, manter o equilibrio. É cousa de pensalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario