Ou si? Coido que todos coñecemos o dito do título. Agora Fomento quere invalidalo a conto da non construcción do 'reforzo de ligazón' para os accesos á circunvalación ribadense. De novo unha institución pretende facer o que lle peta a ela sen consideración algunha polos administrados. De novo, sen explicacións. De novo, sen plantexarse que o que ten fronte a si son persoas, e de novo sen que o de 'ter razón' apareza por ningunha beira, nin técnica nin políticamente. Ribadeo queda sen componenda para a circunvalación, e os veciños, que xa se desfixeran mentalmente das terras (e entendo que legalmente tamén), e que polo tanto tiveron que variar as súas pretensións respecto a elas polo ben común que representaba unha obra de Fomento, agora teránse que desfacer dos cartos que lles foron entregados a cambio. Non importa que xa os teñan empregados en lugares de difícil retorno, que os perderan xogando á ruleta ou llos regalaran ás Irmáns da Caridade, mentras ven que ese ben común en aras ó que lles foi expropiado o correspondente terreo xa non é considerado como tal, por algunha razón que descoñecen.
E, mentras que do anterior nos enteramos pola prensa, unha nota de prensa do concello publicita que o tramos da rúa S. Francisco entre Deputación e Avda. de Galicia vai a ser amañado con 70 000€, redondeando, perto de 12Mpts. A distancia? Pouco máis de 50m, na rúa das cumbreiras numantinas, xa célebres pola súa resistencia á caída a pesares de xuízos e denuncias, legalidade ou altura (esperemos que ademáis non haxa que descontar 1 300€ para poñerlle un cartel ó estilo do plan(t)E).
A outra foto, a dunha tenda que ven a substituír ó icono que ra 'Almacenes la Innovación' para Ribadeo. Próxima apertura anunciada que é de prever que aínda se retrase algún tempo. pois no mesmo cartel na que a anuncian tamén piden persoal, e entendo que terán que darlle alomenos unha mínima formación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario