20090927

Unha aclaración relacionada con Amarante

Ó fío da entrada sobre o último pleno, recibín un correo electrónico tentando explicar algún punto do mesmo máis que o que eu o fixen. Básicamente, o correo dicía algo como o que ven a continuación (póñolle algunha ligazón e algunha outra cousa menor, como cambiar a redacción para que, de ir dirixida a min, vaia dirixida a todos os letores do blog):
--
A moción pola compra pública responsable aprobada no pleno forma parte dunha iniciativa, promovida pola asociación ecoloxista Verdegaia e a organización galega de solidariedade Amarante, que ten como obxetivo lograr compromisos políticos esixindo responsabilidade social, ética e ambiental no uso dos recursos públicos diante da crise
A moción foi presentada no parlamento e nos concellos mais importantes de Galicia, incluindo o de Ribadeo por ter un grupo establecido desde que se creou a ong (ven a conto polo de "asociación foranea")
En Ribadeo levan dez anos traballando en campañas de sensibilización por un consumo responsable, en iniciativas de comercio xusto ou en proxectos como Xanela aberta ao sur, co que xa teñen viaxado mariñans a conocer movementos sociais en paises como Brasil ou Ecuador.
Se fas memoria seguro que lembras (como lembro eu) algunha conferencia na Casa das Letras como a da cordinadora para Africa de Via campesina, ou de membros do movemento sem terra do Brasil, ou se cadra lembras algunha proxeccion como o film "china blue" ou "oro negro", ou algunha accion de calle dentro da campaña roupa limpa, ou exposicións, ou se cadra coñeces unha tenda no cantón ('el bosque animado'), que é a única na bisbarra que oferta productos de comercio xusto, etc.
Como non tivo ocasión de estar no pleno, non sabe en que consistiu ise debate "rocambolesco", pero débese saber que, se ben e certo que a moción foi enviada desde Ourense (onde se coordina a area de consumo responsable) fíxoselle chegar a todos os grupos con representación no concello, tendo ademais a posibilidade de falar con eles persoalmente.
No caso do UPRI, quen me enviou a nota afirma que el mesmo se citou con Paco Rivas para falar da moción antes de levala a pleno e, o martes 7 de xullo envioulle ,via correo electrónico, unha copia da moción e a instancia presentada na alcaldía, algo ben doado de comprobar. (A lembrar que no pleno, Paco Rivas afirmou o primeiro e negou o segundo)
Nada mais, espero sirvan de algo as aclaracións. Gracias.
--
Só unha anotación miña máis: o de 'rocambolesco' é unha apreciación persoal, a raíz de que a discusión dese punto versou sobre que non chegou o escrito a tódolos grupos, non sabendo por outra parte ningún dos partidos (alomenos aparentemente) moi ben o que facer co escrito, e a pesares de todos dicir máis ou menos que estaban de acordo co texto. Reproduzo de novo o que puxen na entrada correspondente sobre o tema: "O punto seguinte, unha moción-tipo auspiciada por unha asociación foránea, a Coordinadora Amarante, para a compra pública responsable, suscitou un debate ás veces rocambolesco, pois despois de dicir que ía ser enviada a tódolos grupos para que se sumaran, non foi enviada á UPRi, que anunciou que polo tanto se abstiña, sendo apoiada polo PP."

Ningún comentario: