20091020

Atopa o teu camiño

Ben, en realidade o lema da Xunta di 'encontra o teu camiño', e iso na versión galega do lema trilingüe para o Xacobeo. Non obstante, coido que é un lema que sería de aplicación xeral, para toda Galicia, por exemplo.
Así, din as teorías económicas capitalistas (ó fin, o sistema no que estamos metidos, por moitas desviacións de beneficios 'legais' que teñamos nestes momentos) que os bens teñen unha regulación de prezos vía mercado que ven dada polo xogo oferta-demanda. Dado o aumento de prezo das consultas médicas daqueles especialistas que, ou ben non entran no sistema de seguro, ou ben teñen que ser procurados fóra del polas condicións de subministro do servizo, coido que sería de lóxica o aumentar o número de médicos. Véxase a prensa e verase que a cousa non funciona así esta tempada en Galicia. As consideracións son dende cousas de poder a orzamentarias, pero non tanto sociais, alomenos ó que parece pola prensa.
A nivel máis próximo a Ribadeo, e dentro da área sanitaria, o proceso de 'racionalización' segue uns criterios que tamén parecen algo lonxe da demanda social. Onte en Burela houbo dúas xuntanzas, unha, convocada de xeito oficial para o antigo Queres pero que agora non é tal, e outra, da plataforma sanitaria, oficiosa pois non ten unha estrutura formalizada legalmente. Sairán novas na prensa de ambas (polo momento só vin da segunda), e un representante de O Tesón estivo nas dúas. O resultado: mentras que os segundos nn se fían mentras non vexan por escrito as promesas realizadas sobre a non delocalización de servizos a Lugo despois de asegurar o contrario, na primeira xuntanza empregouse nova nomenclatura para unha especie de aparente solución intermedia: tachán! a área sanitaria de Lugo e Burela. Coido que a calquera que esteña a ler non se lle escaparań algúns matices que se colan indefectiblemente entre as verbas que intentan ocultalos: a 'racionalización' de servizos, as 'rutas existenciais' (si, polo que parece esa é nova nomenclatura para meter gato por lebre) non poden ocultar a súa parada en Lugo. Escoitarase falar do tema máis, por desgraza. E falaremos tamén aquí del.
E algo polo estilo, o de atopar o camiño, pasa a menos de media centea de horas da manifestación en prol do galego: mentras que dende Londres Feijóo anunciaba o seu respeto polo galego o mesmo día da manifestación, hoxe a prensa é crara: a protesta do galego agranda a brecha entre goberno e oposición (é dicir, non queredes o que hai? pois enfadámonos!), ó fin é o cabo, parece que a interpretación dos votos corresponde ó ganador nas eleccións. Cousas que xa se sabía de hai tempo en Ribadeo, iso de ir cos da feira e voltar cos do mercado en 48 horas (véxase o recheo e a manifestación previa), ou a declaración de que os votos son dos elixidos (xa falei máis dunha vez do tema en relación a cousas de Ribadeo).
Ah! iso si, o galego máis guapo é de Ribadeo.

Ningún comentario: