20091029

Plan E ando Ribadeo e a Mariña

Agasallo do goberno? Non, distribución diferente de cartos de todos, e endebedamento xeral para poder facer isa redistribución. Non nos enganemos co Plan E nin co 'novo' Plan E, ou ampliación do plan. Ambos son presentados como unha especie de agasallo, pero non. Que quede claro.
A Ribadeo correspóndenlle segundo os baremos usados 1 065 290 €, co que poderá sacarse unha pequena espiña orzamentaria, aparentemente. A consideración de apariencia é porque non son gastos de funcionamento, senón de obra. E, por ista volta, parece que o goberno quere dirixir o gasto nun sentido diferente do 'ladrillo' ó que dada a premura e pouca indicación con que se fixo a vez pasada, estaba abocado o vello plan E. Dista, parece diferente. Copio do artigo da Voz de onte: "As iniciativas que poderán financiarse con cargo ó novo fondo agrúpanse en tres apartados. Primiero, a sostibilidade económica, onde se engloban parques empresariais, científicos e tecnolóxicos, infraestruturas de innovación e despregue de redes de telecomunicacións. En segundo termo, a sostibilidade ambiental. Poderán financiarse inversións de eficiencia enerxética, de uso de enerxías renovables, de mobilidade urbana mantible e a posta en marcha de medios de transporte menos contaminantes. E por fin, o fondo recolle a sostibilidade social. Inclúese o gasto corrente de servizos e a inversión en centros de ocio, culturais, deportivos e sanitarios."
Ben, a vez pasada o concello nin pideu nin considerou aportacións sociais de ideas. Ista volta parece máis difícil gastar os cartos, e máis doado aínda que se malgasten. E, cando a mesma planificación do PXOM a última vez que saiu ó público non incluía nin unha definición de Ribadeo, o definir (e dixerir) de xeito rápido istas novidades por parte das institucións é para non ter moita confianza. Xa veremos o que pasa.
Planeando, planeando, podemos mirar un pouco a toda a Mariña. Enténdese ben a nova de hoxe do mesmo xornal que titula como que o Sergas fará unha inversión na área sanitaria de Lugo? O titular do artigo pode estar mal, pero o certo é que lendo a letra pequena, xa entra como área sanitaria de Lugo a Mariña.

Ningún comentario: