Hai xa máis de corenta anos que Marshall Mc Luhan cruñou o termo 'aldea global' como idea da reducción do mundo ante o alcance das comunicacións, e polo tanto, do intercambio de relacións entre as persoas. Coido que o termo pode ser considerado apreciativo ou despreciativo, a pouco que non se tome dun xeito totalmente obxectivo. Apreciativo pola capacidade que ten a aldea de funcionar en torno ás relacións entre os seus membros, expresadas dun xeito craro e transparente. Despreciativo pola mesma capacidade de asunción dunhas relacións preestablecidas e que resultan pouco menos que inmutables, o que dexera nunha sociedade ríxida e con poucas miras.
Ribadeo está incluído nese avance das comunicacións, nesa aldea global, pero tamén en moitos dos defectos que pode conlevar, dende unha situación periférica dentro do estado e mesmo de Galicia como é a nosa.
E, se se mira o conxunto de informacións diarias que xera e revirten sobre Ribadeo, podemos tomar de xeito doado a sensación desa sociedade ríxida e en descomposición permanente, de poucas miras, máis que de trasparencia e craridade. O revertir a situación está nas nosas mans, solicitando, esixindo información de calidade e non pelexas que ás veces resultan obscenas, participación e non ocultación, actividade e non languidez, ideas e non exabruptos, confrontacións pero non loitas, ...
Por que o anterior? Chega con mirar a prensa máis ou menos de seguido unha tempada.
Ribadeo, aldea global? si, pero hai aldeas e aldeas. Optemos polo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario