20091024

Un erro informático, algún comentario en torno a Ribadeo e fotos para calmar e clamar

Di a Xunta, bo, os xestores actuais dela, que é un erro informático e non doutro tipo que Feijóo figure co seu soldo sen conxelar. Créoo. As desviacións de soldos diversos poden vir por moitos sitios moito máis difíciles de detectar e menor perxuízo eleitoral. Así, un erro informático pode converterse nun 'erro informativo', deixando de ser, sinxelamente, un erro de quen o cometeu, foran os xestores da Xunta ou fora o oficinista encargado de aporrear o teclado.
Mentras, parece que se quixera compartir cos veciños de Barreiros a solución do urbanismo nese concello, tan viciño a Ribadeo. Por iso de que 'cando as barbas do teu viciño...', boteille unha ollada curiosa á nova, e resulta que máis me pareceu unha construcción dunha rede caciquil de novo cruño, disimulada coa participación cidadá. Pasa que a administración, en troques de facer público un documento para o seu estudo e opinión xeral, o que fai é pasarllo á Federación Provincial, que llo pode pasar só ós seus asociados. En principio podería facelo tamén público, pero non é isa a política (que se espera) dunha entidade que ten xa establecidos tratos coa administración e que ten desenvolta a súa rede e espera incrementar a súa cota de poder incrementando a súa base con información que se podería chamar moi ben 'privilexiada'. Atopeime e comentei xa no blog, co bipartito, unha situación con certa semellanza na rama da hostalería: resulta que a federación hostaleira de Lugo conseguiu unha ampliación de horario o fin de ano pasado moi xenerosa de parte da Xunta, para os seus asociados; ó resto, morcilla. Así, dous establecementos semellantes, un á beira do outro, poideron ter horarios diferindo ata 3 horas a noite vella. Está visto que os novos tipos de caciquismo perpetúan a condición de cacique, aínda que varíe o perfil. Por certo, rematei de enterarme do tema do funcionamento 'de caciquismo piramidal' nas asociacións de veciños ó preguntar o tema do horario na Federación sen pertencer a unha organización federada. Xa polo tema do Queres da zona sanitaria se me prantexou unha sospeita, pero iste outro tema rematou de confirmarma. E prantexóuseme outra cousa: renovar o asociacionismo dende dentro ou tirar abaixo o que hai indo por libre? Diso podemos falar outro día.
Por certo, que falando da zona sanitaria, representantes de tódolos partidos parlamentares pediron á Xunta que manteña e desenvolva a nosa área sanitaria.
E as novas de Ribadeo? O alcalde pide máis gardería, pois xa voltou quedarse pequena. Ribadeo recibe sete millóns da Xunta de retorno para diversas obras. E 'A Mariña asturlucense, un territorio de cooperación', seminario que durante estes días foi desenvolto no Parador e ó que obviamente acudiron representantes políticos de toda a zona, e académicos de fóra dela, remata ista mañá, e cada quen saca a súa lección de paso que tenta achegar as ascuas á súa sardiña, interpretando os feitos. Hai novas na prensa, e aínda que unha xuntanza destas, con xente independente en teoría polo medio, sempre tenta ir na 'boa dirección', despois o tamiz político pode facer que sexa irrecoñecible o que alí se falou.
Completo iste batiburrillo con fotos.

A primeira, Ribadeo visto dende a ponte dos Santos ó atardecer. Parece que vai caer unha tormenta, ou alomenos choiva forte. Pero non, non caería despois: chove sen que sirva de moito a predicción meteorolóxica nin a nivel nacional nin a nivel galego. Case, diríase, como na política ribadense. Iso si, o Mondigo, ó fondo sempre cuberto e inescrutable, vixiando sobre o conxunto e a ponte, facendo beira da foto, pero tamén sempre presente, tendendo ligazóns co alén da ría. Amistosas? Iso xa depende.
A ponte, baixo dela, como un esquelete de ferro soportando o formigón, chantada na ría e ó tempo deixando á beira (neste caso, a galega) sobreiluminada a base de focalizar precisamente na mesma ponte. Pero, aínda que en fotos coma ista pareza o contrario, a ponte non é máis que un instrumento a usar, por máis matroteto que sexa e se vexa, e o importante é o que une e o que atravesa, as beiras e a propia ría de Ribadeo.



As dúas últimas, tomadas tamén dende Asturias, representan cousas opostas. O ceo da tarde sobre a zona de Ribadeo, cos seus claroscuros nos que a terra non é máis que unha silueta que contrasta contra o fondo, e a outra, un vertedoiro público non porque sexa usado polos viciños, senón porque foi empregado para restos dunha obra pública: aí está un cartel da ponte antes de facer a ampliación e o cono de vento correspondente. Poden verse na zona de esparcemento que hai nada máis deixar a ponte na parte asturiana, baixando cara á saída da ría.

Ningún comentario: