A nova de que se suspenden o autobús de mediodía (14:15) a Lugo e queda só para os festivos o da tarde (18:20) á Coruña non é boa para Ribadeo.
Tradicionalmente non se pode dicir que Ribadeo sexa un pobo ben comunicado, e isto agrava as cousas. Si é certo que unha empresa como Arriva, (a máis sinais identificativas, empresa que mercou a IASA (antes Ideal Auto) que á súa vez mercara a 'empresa Ribadeo' que marcara na súa historia un fito continuado de comunicación en e con Ribadeo) necesita ganancias como razón de ser, pero tamén é un servizo público que, neste caso, a parte de reducir posibilidades sobre as que xa había, impulsa o uso do coche privado como única opción, introducindo un factor de discriminación da xente que non ten carnet, non conduce, non ten coche particular ou sinxelamente opta por contaminar menos.
E parece que o caso non é illado, pois dende que entrou Arriva na xestión do transporte en autobús na zona, non é a primeira vez que suprime ou varía servizos supoñendo un deterioro das posibilidades das persoas da zona (véxase nas hemerotecas os tiras e frouxas pola variación de horarios e supresión de transportes na liña que atende o hospital da costa).
Que quen usa o autobús neste época despilfarradora de gasolina en coches particulares? Máis xente da que parece, e máis que o usaremos de cara ó futuro, se é que nos deixan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario