20091002

Voluntarios

Sempre me chama a atención cando oio falar de voluntarios vacendo algunha cousa non moi lonxe de onde me atopo. é certo que non fai falla ir lonxe para facer cousas boas de xeito altruísta pola comunidade, pero ás veces case soa ridículo. Xa van varias voltas que voluntarios de Alcoa exercen de melloradores nun centro de ensino público de san Cibrao, e cada vez que me entero pregúntome por que non sería posible aquí facer traballos organizados e desenvoltos por voluntarios, dende eses pequenos como manter limpo de pedras o mexadoiro de King Kong, algo doado polas tempadas que pasa sen funcionar, ata a limpeza das beiras de regos e regatos que parece que máis que ser de todos son dunha entidade allea, a confederación hidrográfica, que exercería un dereito de pernada (máis ben de non facer nada) sobre eles, pasando por outras moitas actividades, dende o dar cháchara ós maiores (non falo de atendelos, senón de mellorar a súa relación e polo tanto, a súa vida) a aprender informática. Penso logo que se estou na lúa, e véxome ben chantado na Terra, nun lugar que é de todos, que compartimos, e no que en moitas ocasións vése á xente ociosa e aburrida, hastiada de non facer nada ou de facer sempre cousas irrelevantes ata para si mesmo. Esperemos que pouco a pouco, co pulo de particulares e asociacións, vaia cambiando a mentalidade, pero un proceso tal será obrigatoriamente lento.

Ningún comentario: