20091121

Actos para o domingo 22-N do observatorio da mariña pola igualdade

O Observatorio da Mariña pola Igualdade escenificará este domingo
en Ribadeo a obra teatral “Tirando do fío da vergoña”, coa que
participa nun concurso do Ministerio de Igualdad
Na representación da obra, que busca concienciar á poboación sobre a lacra da violencia
machista, participarán persoas doutros colectivos sociais e culturais da Mariña
Este domingo a partir das 13 horas, nos Cantóns de Ribadeo, o Observatorio da Mariña pola
Igualdade representará "en vivo" a obra teatral TIRANDO DO FÍO DA VERGOÑA, coa que
participa no concurso "Sae a Escena" convocado polo Ministerio de Igualdade. (Lembramos
que aínda se vote poder en Internet pola obra desde a páxina www.salaescena.es, indo a
VOTACIÓN e logo a TEATRO).
A peza teatral, dirixida por Patri Otero, busca concienciar á poboación sobre as causas da
violencia de xénero ao tempo que lembra a todas as mulleres asasinadas durante o ano 2009
polo feito de seren mulleres. A principal novidade na representación deste domingo é que
nela participarán tamén integrantes de diferentes colectivos sociais e culturais da Mariña
que queren apoiar a iniciativa de forma explícita e sumarse á condena contra a violencia de
xénero. Desde o Observatorio animamos a que a xente acuda ao acto e apoie coa súa
presenza esta iniciativa.
Ao final da representación lerase un MANIFESTO para reivindicar a reflexión e comprensión
das causas que xeran este tipo de violencia, así como para avaliar os avances e aspectos
pendentes. O Manifesto, impulsado polo Observatorio, está subscrito por numerosos
colectivos culturais e sociais da Mariña, como o Colectivo 8 de Marzo (Ribadeo), a ongd
Amarante (Ribadeo), a Asociación cultural A Pomba do Arco (Foz), o Colectivo Cultural
Buril (Burela), a SCDR Palestina (Burela), a Asociación Cultural Paco Lanza (Ribadeo), a
Asociación Cultural O Tesón (Ribadeo) ou o Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros). Desde o
Observatorio facemos un chamamento a que calquera outro colectivo que queira apoiar o
manifesto se poña en contacto connosco a través do noso correo electrónico:
observatorioigualdade(en)gmail.com
Saúdos cordiais,
Observatorio da Mariña pola Igualdade
-
Manifesto, versión provisional:

MANIFESTO DO OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE
CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO

Estamos ante un novo 25 de novembro, unha data de especial significado para a nosa sociedade, e sobre todo para as mulleres. Un ano máis atopámonos na mesma encrucillada, unhas cifras que reflicten a pervivencia da violencia, as demandas da cidadanía e dos movementos de mulleres que pretenden buscar solucións e mellorar alternativas para atallar a violencia que día a día sofren as mulleres, violencia que sofren en silencio, violencia que sofren ante a impunidade dos que a provocan, violencia sen denuncia, violencia intempestiva, violencia que non cesa,...

Durante séculos o mundo organizouse de acordo ás necesidades e conveniencias dos homes, actuando e pensando como se a metade da humanidade formada polas mulleres carecera de importancia e significado. Esta historia iníciase cando na educación se marcan os roles masculinos e feminino de forma inapelable, cando as expectativas das mozas son posuír un bo corpo, unha boa dispoñibilidade e unha boa parella, cando no traballo é normal que as mulleres gañen menos que os homes, cando a relación de parella é de submisión e negación da personalidade da muller, cando nos medios de comunicación se suceden imaxes por millóns, de mulleres inferiores, invisibles, submisas e agredidas.

Queremos poñer en evidencia os mitos que están a crearse arredor desta problemática :

1-A desigualdade xa está superada. As políticas institucionais e a aprobación de lexislación destinada a garantir unha posición igualitaria entre mulleres e homes leva a pensar erroneamente que xa non hai ningún problema
2-As mulleres denuncian falsamente aos homes de violencia... Este mito da tendencia das mulleres a poñeren denuncias falsas é absolutamente falaz e incorrecto, como demostran os datos dun estudo realizado en outubro desde o Consello Xeral do Poder xudicial, nos que se reflicten que só se interpuxo 1 denuncia falsa de 530 sentenzas. (Esta media é moito inferior ás denuncias falsas que se poñen por presuntos roubos ou en fraudes ás compañías aseguradoras)

Os estereotipos e ideas erróneas sobre a violencia de xénero xustifican en grande medida aos homes agresores ao tempo que responsabilizan ás mulleres da violencia que sofren.

É moi importante tomar conciencia da súa existencia e da nosa propia interiorización destes mitos. A desigualdade é a causa da violencia.
Para nós queda un longo camiño de denuncia pública, de manifestacións, de debate intenso, de análise das situacións, que nos axuden a torpedear na liña de flotación este sistema que sitúa as mulleres como categoría inferior.

Tócanos facer unhas denuncia constante das agresións e das causas polas que se producen. E tócanos loitar contra este inxusto mundo de dominación patriarcal, para subvertelo.

Porque queremos vivir nunha Galiza sen violencia de xénero, nunha Mariña sen violencia de xénero, nun Ribadeo sen violencia de xénero..

E para iso facémonos eco desta verbas da poeta galega Marica Campo :

Apenas hai palabras e unha é morte.
Calella sen saída é outra: medo.
Chamámoslle muller, mais tiñan nome,
como falar de espiña e dicir rosa.
Todo foi un camiño cara ao sangue,
O voitre e mais a pomba nunha casa.

Ningún comentario: