20091120

Rocambole

Rocambole é a base que deu nacemento a rocambolesco. E é unha ficción. Do mesmo xeito poderiamos tirar da imaxinación e comezar a poñer palabras a cousas que están a suceder en Ribadeo e na zona (algunha, aínda que tratada para Ribadeo, en realidade abrangue moito máis aló). Hai moitas, e como mostra, algunhas:
O corredor norte. Estrada moderna que vai unir o entronque da autovía con Ferrol pola mariña enteira, argumentada dende o momento no que a autovía quedou fixada por Vilalba, ía entrar en servizo, segundo as previsións iniciais, en 2007. Agora prevese que sexa en 2017. E é craro que aínda pode variar... sempre para máis aló. É dicir, coido que podería ter suprimido o de moderna ó comezo.
Case tantos electores como elixibles. Ía ser aberta a presentación e aberta a elección. Tiven para o sistema un pequeno eloxio no blog, pero dende antes xa se fora complicando e despois aparecen novidades. Total, seis precandidatos. Está craro que ou o PP ten exceso de xente adecuada ou sobra xente. Pero, pola outra banda, a elección redúcese da base de afiliados (por unha entrevista de M. Valín parece que xa foron consultados e non gustou o candidato que saíra) á executiva local, ó sistema que decidira, e agora, parece que decidiu que o sistema sería mediante a votación de 8 superelectores. Segundo a Voz, serán Juan Antonio Edrosa Loureiro (Presidente), José Carlos Rodríguez Andina (secretario), Daniel Vega, Inés Ares, Baldomero Castro Prieto, Ana Docobo, Mari Paz Ramos, Pedro Fernández Dorrego e un máis (ou unha) por NNXX. Algo interno que leva dado xa voltas.
Xa falei algunha vez do novo Plan E e das posibilidades de uso que implica. Moitas, si, incluído o mexadoiro que pide tamén o PP para o parque do campo. Iso si, con wifi no mesmo parque. O resto de propostas vai no sentido de obras diversas, como pronostiquei (algunhas, abondo necesarias). Entendámonos, non é que non quera que uns mexadoiros lle fagan competencia ó mexadoiro de King Kong, nin que non observara nunca mexar polo parque, ou que non se teñan instalados mexadoiros (mesmo hai un par de meses, como se pode ver nunha das imaxes) ...
Pulgas, 30 €, e agora asamblea en contra. Cousas de igrexa. Máis en concreto, da de Covelas, que leva dando que falar aínda que non aparecera no blog, pero unha nova na prensa sobre un ataque de pulgas ó sacerdote na misa e as posteriores declaracións e peche da igrexa, o paso de 60 a 30 € por tocar as campás e agora o inicio de rebelión dos veciños fan da nova un novo tema que encaixa cos anteriores.
"Eles terán todo o dereito, pero nós temos toda a razón" é unha frase do alcalde para un tema non tan rocambolesco pola definición legal, pero plenamente encadrado no concepto por moitas actuacións. E que xa foi tratado máis dunha vez aquí: o pago á SGAE.

Ningún comentario: