20091104

Sobre sancións en Ribadeo a establecementos de hostalería

Entereime pola Voz de que onte martes o DOG publicou unha lista de establecementos hostaleiros na provincia con expedientes abertos na actualidade por incumprimento horario. Despois de ver un pouco as ligazóns que poño, chamáronme a atención varias cousas, entre elas:
- As multas propostas, salvo casos particulares, son ridículas en relación coa recadación que un establecemento deste tipo pode facer nunha noite. Inscríbense, por exemplo, no orden de cartos que pode recibir unha persoa que esteña á porta sinxelamente para ver vir ós axentes e avisar para cerrar o local, apagar a música, avisar á clientela e deixar o local aparentemente sen actividade dende o exterior en cousa de segundos. Tempo semellante ó que tarda en reactivarse o sistema para seguir tal cal. Claro que o manter unha persoa sería un custe diario por día de apertura, mentras que o pago dunha multa é puntual. E que o sistema non da sempre resultado, insistindo ás veces na entrada ata que os do interior se dan por aludidos.
- A pesares dos fallos do sistema (por exemplo, o non ter conta o período de silencio e non admisión entre cese de actividade e peche efectivo), o caso é que aplícase, e así en Ribadeo púidose observar nestes últimos anos unha atención ó horario por parte dos locais que antes non había, reducindo drásticamente as infraccións como se pode ver no listado. Todo o contrario, ata o momento, do sistema de sancións municipais, tanto por horario (que tamén ten competencia) como por emisión sonora ou outras características dos locais: a falta de aplicación da pouca normativa anima ós establecementos a saltala. Algo así como se quen non a saltara fora tonto por quedar en inferioridade de condicións fronte ós demáis.
- A noticia non di que sexa unha novidade o listado (que non o é) pero o feito de que saia na prensa sen aviso en contrario, da á nova unha situación de primicia, de extraordinario, como se na realidade si fora unha novidade a existencia de sancións. Asemade, tamén hai unha diferenza 'estilística' entre o artigo e o DOG, quizáis froito de ter necesidade dunha redacción á que non ten que axustarse o DOG: mentras que no segundo queda claro dende o principio ó final que son propostas de expedientes en curso, e polo tanto poden chegar a ningures segundo en que caso, no artigo periodístico xógase entre a 'proposta de sanción', 'trámite', etc, e o 'anuncio de sanción', que implicaría o ter finalizado o proceso sancionatorio.

Ningún comentario: