20091211

Anormalidade

É certo que os xornais non soen dar novas que son comúns, é dicir, de tódolos días, porque non se consideran novas. Esta verdade de perogrullo está condicionando en parte, en boa parte, a percepción da realidade que transmiten por propia necesidade: o que é normal non é noticia, logo o que se transmite é o anormal. Así, o que se ve nos medios ten unha compoñente de anormalidade grande, e a base dela, parece como se o importante fora precisamente esa anormalidade, como se a vida transcorrera dun xeito anormal. Ou máis aínda, como se fora normal que a vida transcorra de xeito anormal...
As novas de hoxe son un estudo sobre as rías e (continuando cun tema que ven de lonxe) o derribo duns trasteiros. En canto ó estudo, que espero ter en breve en publicado en Ribadeo, ven a dicir que as rías están baixando a producción, presionadas polas consecuencias de actividades humanas. A ría de Ribadeo incluída. Despois de loitas sobre construccións, recheos, etc, a cousa parece normal. Pero que sexa normal a existencia de consecuencias dun determinado tratamento da ría non quere dicir nin moito menos que o tratamento teña que ser ese, e polo tanto, que as consecuencias sexan algo 'normal'.
En canto ó derribo dos trasteiros, sinálanse varias cousas, como o perxuízo ó que se ven abocados os propietarios ou a obriga do alcalde por un auto xudicial que se non fai que se vexa penado con multas. Estamos aquí e agora, e eso parece ser o que importa. Pero a cuestión é que ese alto alguén o deixou construír, e alguén o construiu, e parece que agora non se ven tan afectados (na realidade, non parece verse afectado quen o deixou construír, que quen o construiu si vai ter que pagar custes, aínda que habería que ver o balance entre beneficios obtidos e perxuízos), estando a cousa entre quen se ve obrigado á demolición e quen se ve 'demolido'. Rematará aquí a cousa? É de dudar, pois supoño que se verán no futuro inmediato reclamacións por perxuízos. Claro que eso depende de como esteñan feitos os contratos, o tempo pasado e outras variables. Aínda así, por comparación, xurden outros casos que están no xulgado e que farán o tema no futuro máis normalizado, e polo tanto, con menor tratamento mediático: estamos xa na normalidade da anormalidade.

Ningún comentario: