20091220

Comentario a unha nova

A conto da nova http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2009/12/20/0003_8183701.htm: "Los hosteleros de varios municipios pueden cerrar más tarde en Navidad" - 'Sensibles diferencias en las autorizaciones de los gobiernos locales de Burela, Foz, Ribadeo y Viveiro', ... Non serei eu o que proteste por un aumento de horario dous días sinalados, porque o tema do horario non trata de dous días, senón de 365, e tampouco creo que deba ser tratado de xeito totalmente separado do ruído e outras relacións causa-efecto, pero coido que se debe axustar algunha cousa para centrar a información. Por exemplo:

1.Os horarios seguen sen seguirse de xeito adecuado, polo que mentras tanto, o aumentalos é algo relativo, correspondendo dito aumento alomenos en parte a legalizar unha situación de facto que non se quere variar.

2.Segundo a regulamentación vixente, os alcaldes non teñen poder de por si sós para facer dito aumento horario. Se se fai, será a Delegación Provincial (1 hora) ou direitamente dende Santiago. Os alcaldes ou as corporacións poderán propor ou tramitar propostas, pero decidir ... (outra cousa é que se piden o aumento de horario a concesión poda ser pouco menos que automática)

3.O ano pasado foi pedido, pola federación lucense de hostalería e direitamente a Santiago, un aumento de horario para o Nadal, e foi concedido, pero o asunto foi levado de tal xeito que os veciños non nos enteramos ata ben despois de ver que as nosas protestas non eran atendidas. Este ano polo menos enterámonos pola prensa. Grazas pola parte que lle toca a La Voz.

4.No aumento do fin de ano pasado resulta que só os establecementos federados tiveron esa prerogativa, xeito non moi sotil de aumentar o número de afiliados que deixa as claras os intereses particulares e as diferenzas mesmo dentro do sector, que aumenta a confusión sobre os propios horarios e que pon de manifesto o aleatorio da decisión.

5.En Ribadeo, segundo se pon en boca do alcalde, aumentaron as denuncias. Supoño que iso significa algo como que se lle está dando un premio xeralizado ós locais, cando algúns locais non deben merecelo. Así pois, os locais son iguais, fagan o que fagan? Se se tratan igual, cada vez considerarán menos o facer as cousas ben.

Hai algunhas cousas máis que cabería matizar sobre do artigo, pero chegados ata aquí, o que quería era incidir no tratamento e non noutras cousas como a economía dos locais, da que tamén se fala no artigo comentado.


Ningún comentario: