20091215

Distinguindo en torno á Atalaia

No apartado A Mariña de El progreso de 15 de decembro de 2009 aparece na segunda páxina o título “El ascensor panorámico de A Atalaia empezará a funcionar en febrero”, seguido do subtítulo “Es el primero de estas características en la comarca y revalorizará una zona del casco antiguo”.
Estiven mirando a nova polo miúdo e non aparece a citación de quen opina que revalorizará unha zona do casco vello. Non me extrana.
Despois de tempo xa de oposición a un ascensor pola AVV O Tesón, e de seguir a construírse, coido que o mínimo é facer unha matización: pode que as obras de mellora emprendidas para a comunicación de diversas zonas (Cabanela, Atalaia, Porcillán, Trinidade) sexan benvidas e que o orzamento correspondente vaia asociado ó ascensor. A benvida de accesos é unha opinión discutible respecto á primeira parte, e máis despois de implicar a conservación da capela, e no que atinxe á segunda, o orzamento conxunto, pode considerarse un xeito de facer as cousas. Pero o que non pode considerarse nin respecto a opinión nin ó xeito de facer as cousas é a indivisibilidade de ambas obras, misturando ascensor e mellora de accesos á Atalaia como se foran unha.
Chamar ó ascensor de panorámico, cando está rodeado dunha mole de formigón e precisamente fastidia boa parte da vista do mirador, dicir que salva un desnivel de máis de 40 m cando só é unha opción para a metade, ou non falar do seu mantemento (parece mesmo que non vai dispor de control de acceso, segundo a mesma nova), son enganos para, como se dicía antes, facer comulgar con rodas de muíño. Pode haber mesmo a quen lle guste a estrutura (coido que é abonda xente máis a que opina o contrario), pois pode considerarse 'cuestión de gustos', pero non pode haber quen opine que o mirador da Atalaia queda cercenado, pois non é cuestión de opinión, é un feito. O mesmo se pode aplicar a outras destas opinións e feitos, que non son comparables.
Supoño que porque non houbo oposición abonda (a pesar de ser maioritaria) o proxecto seguiu adiante e o ascensor agora está construído. Pero que esteña construído non o fai bo.

Ningún comentario: