20100106

2010 aínda é o futuro

Un folio na porta dunha igrexa, un avance social? Porque iso foi o que vin esta semana na igrexa de Piñeira. ¿? Se o folio se refire á dación de contas da última festa da parroquia, significa que o domingo será de dominio público a información publicitada, e que quenes se encargaron da realización da festa proporcionaron unha información da que disporán tódolos veciños. Abondo máis da información que soemos ter de moitas dos cousas que nos afectan a nivel local. É ou non un avance?
Coido que nos tempos que corren si o é, a pesares de non ser a primeira vez (nin moito menos) que se pode dar algo semellante. Non me estou a referir a unha cousa concreta. Podería ser o balance das festas, como en Piñeira, pero tamén moitas outras informacións ás que o pobo debera ter acceso inmediato. Mesmo moitas veces para poder ter a oportunidade de participar na toma de decisións, ou para aportar ideas, ou sinxelamente para sentir máis o pulso do pobo, sentírmonos máis cidadáns. Por exemplo, poderían ser as actas dos plenos, non actualizadas na web do concello dende agosto, ou o calendario para este ano presente, tendo conta que xa houbo un primeiro intento e na web do concello aparece o calendario laboral ... para o 2008. A páxina web ribadeo.org marcou un incremento substancial da información que nos pode chegar ós veciños dun xeito directo. Información que tende a medrar, pero que ó mesmo tempo, necesita de revisión e un coidado constante, como rematamos de ver cos dous exemplos citados. E como poderiamos constatar polas cousas que faltan, tanto de información como de posibilidades de facer xestións.
Comezando o ano, 2010 é, na súa maioría, futuro. Cheo de posibilidades. Unha delas, por exemplo, aproveitando a ampliación do “plan E” ó presente ano, a de facilitar a difusión de información ós veciños ... e a posibilidade dos veciños para acceder á información e contribuír a xestionar o propio concello. Informacións xeradas polo propio concello. Xestións ante a administración que redundarían no ben de todos, indo na liña proxectada na UE, que pretende que se instale a administración electrónica a nivel estatal antes de 2015, e que en España, segundo plans ministeriais, tería que terse xa implementado (Lei 11/2007 'de Acceso Electrónico de los Ciudadanos a los Servicios Públicos'). Un futuro aproveitable e sempre mellorable ó que se ten referido moitas veces a AVV O Tesón.
E, o plan E, que ten que ver neste caso? Pois, por exemplo, aproveitando os obxectivos declarados polo mesmo plan, ampliar a infrastrutura tecnolóxica do concello (si, tamén da administración do concello, pero máis, en xeral de todo o concello para o aproveitamento das TIC) e facilitar o acceso a internet vía unha wifi municipal, que chegue ás parroquias que aínda non teñen a posibilidade de conexión. Sei que hai dificultades por enfrontamento con intereses empresariais nas telecomunicacións, pero hai exemplos de conexión en diversos pobos da xeografía nacional, e hai peticións para paliar unha falta no rural, cunha solución da que tamén poderia aproveitarse o casco urbano. Asemade, para unha mellora na web municipal (que cabe no plan E), facendo que sirva para máis, na vía da administración electrónica, e que sirva para mellorar as relacións administración-administrado como foi xa dito no parágrafo anterior, xa hai exemplos diversos a grande escala polo mundo adiante. Por certo que a administración-e ten sido motivo polo que xa ten participado xente de Ribadeo en proxectos transnacionais. Tamén o plan E pode servir para formación para poder aproveitar eses medios, aumentando as posibilidades da infrastrutura e persoal xa adicado no concello á sociedade da información (cun orzamento que non pasa polos mellores momentos). En fin, infrastruturas e melloras das que nos podemos beneficiar todos.
O dito, 2010 aínda é futuro.

Ningún comentario: