"Por certo, ó final liberaron por fin ó voso colega manifestante López de Uralde". O comentario de pasada que me chegou insertado nun correo sobre outro tema referiase ó Presidente de Greenpeace (ou sexa, 'paz verde') en España, facendo un contacto entre el (e polo tanto Greenpeace), participante na manifestación contra a construcción dunha macronave no porto sobre a ría ribadense, e a AVV O Tesón, convocante da manifestación. De calquera xeito, non deixou de chamarme a atención a redacción do parágrafo por varias razóns.
A primeira, o de 'ó final'. Coido que estar retido 20 días, illado, cunha lei sacada da manga poucos días antes do cumio sobre o clima para permitir facer retencións de ata 40 días, sen ter usado en ningún momento a forza, sempre en acción pacífica, e máis ben ensinando ós gardiáns do cumio os seus puntos fracos, violando a policía noutros casos a liberdade de asociación das leis danesas e europeas, ... non é para comezar cun 'ó final'. A liberación, ise final, debera darse por sentado dende o primeiro momento. 'Ó final' só implica unha disfunción, algo que non viña a conto facer así pero logrouse, o que non é o caso respecto da liberación.
Outros aspectos que me chamaron a atención son digamos máis lúdicos: 'Ó voso'. Coido que López de Uralde, como calquera persoa, 'é súa'. En todo caso, calquera persoa é 'un pouco de todos', como ser social. Pero nunca debera catalogarse como 'noso' ou 'voso', como algo que se pode adquirir ou traspasar. E menos, se cabe aínda, cando se trata de encasillar a alguén nunhas ideas de defensa de todos (aínda que para defender a todos teña que enfrontarse a algúns)
'Colega'. A pesar dunha foto publicada na 'Comarca' de 20100109, pode dicirse que non coñezo á persoa da que estamos tratando. Coido que comparto algunhas ideas e algúns anhelos, pero non sabería dicir, por exemplo, se ten familia. Pode que me gustara poder chamarlle 'colega', pero a pesares do antedito, ou do respeto e o apoio que pode ter da miña parte ou da xente que conforma O Tesón, non me sinto como un 'colega'.
'Colega manifestante'. Se collemos e xuntamos o de 'manifestante' á verba 'colega', así limitada a verba, a relación entre López de Uralde e eu ou calquera outra persoa manifestante en Ribadeo na manifestación na que el estivo, achegariase máis ó que di o diccionario: parece que si, estivemos nunha acción xuntos, que é unha das posibilidades que contempla a definición de 'colega' por parte da RAE. Pero a verdade é que non sei nin como se enterou da manifestación.
Unha vez aclarado iso sobre unha persoa que estivo en Ribadeo e compartiu algún desexo connosco, coido que xa hai abonda información nos medios para ter claras varias cousas en relación ó seu encarceramento. Entre elas, resaltaría unha precisamente pola pouca relevancia que levou nas informacións: que o trato dado ós ecoloxistas na xuntanza de Copenhague non é moi diferente do que se lles da outras veces a eles ou a outros grupos que actuando acertada ou equivocadamente tentan poñer algo de cordura nas relacións humanas ou dos humanos coa natureza. Que trato?. Tentar de quitalos de enmedio porque molestan a quenes lles foi outorgado (ou colleron de por si) o poder de decisión no tema correspondente.
Outra cousa esquecida entre as informacións é que por desgraza é necesario a presión da prensa a posteriori dos sucesos para voltar as cousas ó seu cauce, en troques de que sirva de xeito previo a consulta á cidadanía, a súa implicación en problemas que lle afectan. Algo así como a normalización do dereito ó pataleo, que cando é abondo e prolongado, pode facer variar decisións anteriores.
Unha terceira, que os problemas quedan eclipsados polo 'glamour' ou a 'impresión' das noticias, primando a foto de quen decide por riba do que se decide, esquecendo ademáis xa non só a orde causa-efecto das cousas (neste caso, respecto da detención dun grupo de ecoloxistas), senón tamén pasando páxina moito máis rápidamente sobre as decisións (mellor, a falta de decisións) tomadas sobre o clima na xuntanza a alto nivel de Copenhague que sobre o propio feito da detención. Algo que, se ben pode ter servido para que 'ó final' remataran liberados os detidos uns días antes do prazo dado pola nova lei ad-hoc, tamén serve para trivializar unha decisión que non é, nin moito menos, trivial: a de non facer nada mentras que o planeta segue ó garete debido ás nosas accións anteriores, despois de primar un tipo de economía que lle da cartos a quen máis ten contrarestándoo con retirada de prestacións a quen máis as necesita.
Ningún comentario:
Publicar un comentario