20100114

Unha proposta para a tesourería do concello

Os pagos coñecidos á SGAE por parte do concello sobrepasan os 30 000 € (cantidade recoñecida en pleno hai tempo).
Poden evitarse? En parte, alomenos, si.
Como? Con uso de obras con licenzas libres.
Que é a SGAE? A Sociedade General de Autores de España é unha asociación que teóricamente se encarga de recadar para os autores asociados un canon por obras interpretadas, e que na realidade ten aproveitado toda interpretación sen demostrar que ten delegada á xestión de dereitos de autor e que estes están en vigor. Un exemplo delo, os 30 000 € citados, reclamados 'por xunto' e dicindo que era unha rebaixa en por ser nesas condicións.
E iso das licenzas libres, que significa? Ten licenza libre unha obra sobre a que xa non teña ninguén dereito, por tere pasado ó dominio público (ben por ter sido feita hai moito tempo, ben por ter cedidos os dereitos), ou obras con licenzas do tipo Creative Commons (é dicir, que pertenzan dalgún xeito á 'creación común', o que abrangue varios tipos de licenzas), con dereitos dos autores limitados, etc.
Hai certamente dificultades en aplicar sempre un mesmo esquema para reproducción ou interpretación de obras. Pero, cara á tesourería, non se trata de aplicar sempre un permiso de tipo licenza libre, senón de reducir o pago de dereitos dun xeito xustificado: unha boa parte das actuacións poderían seguir o esquema de uso deste tipo de licenzas, complementadas nalgúns casos con obras propias dos intérpretes. Tendo en conta, por exemplo, que as obras clásicas (excepto adaptacións modernas) están en xeral liberadas, pertencen ó dominio público, e polo tanto, poden se usadas pola banda de música de xeito libre e non ahi que pagar o canon. Así pasa tamén en xeral coa música tradicional ou con moitas obras como pasodobres de autores mortos hai longo tempo. Por outra beira, representacións teatrais de obras escritas por xente das mesmas compañías locais non teñen traspasada a xestión dos dereitos á sociedades do tipo SGAE, e con eses mesmos cartos, podería potenciarse por exemplo, a publicación dos libretos.
Outra cousa diferente é a imposición de temas a grupos musicais, ou a compañías de teatro visitantes con obras de repertorio con dereitos, por exemplo, que sinxelamente non é factible. Pero se tocan os seus propios temas, ou interpretan as súas propias obras ... pasar por caixa a parte non ven a conto.
Non teño datos da porcentaxe de aforro que podería terse de aplicar estas medidas, pero a SGAE tampouco, e a bo seguro compensa polo aforro, e, se o concello (tal como declarou hai non moito o alcalde) está a considerar abusivos os cobros da SGAE, coido que haberá que poñerse ó tema. É dicir, ir máis aló das verbas. Polo menos, esixir a demostración de que as obras interpretadas están baixo o paraugas recaudador da SGAE.
* Unha nota final: hai que ter en conta que aínda que a SGAE é unha sociedade que aglutina a maioría de cánones impostos deste tipo, non é a única, e a realidade pode ser máis complexa, pero tamén, e de xeito máis que proporcional, será máis complexa a actuación necesaria das asociacións pertinentes para cobrar .
* Outra nota: Ó longo da xeografía española xa se teñen dado casos de sublevación ante estes cánones con resultado positivo nos xulgados, mentras que polo contrario, quen se submete viu incrementados de xeito substancial os pagos a realizar no mesmo tempo.
* Unha terceira: a SGAE é unha sociedade opaca, que non amosa contas detalladas, e que trata de cobrar por calquera interpretación (esteña ou non protexida polo seu paraugas) ó longo de toda a xeografía española.

Ningún comentario: