Continuando co pleno en Rogos e Preguntas, entre outras, preguntouse polo coidado do parque dos indianos, a mellora de uso da web do concello, o número de empresas e autónomos que solicitan intereses de demora, a altura máxima das naves do polígono, un escrito de viciños das rúas Barcia Trelles e Rosalía de Castro sobre un conxunto de máquinas expendedoras, ou o convenio co bispado polo centro de Alzhéimer, e se ben o número de preguntas coido que foi algo inferior a outras veces, a relevancia das mesmas enviaríaas en xeral a outro lugar e non ó pleno.
Fóra de pleno, as dúas preguntas de O Tesón, sendo respondidas que estivera vendo o cadro de Suárez Couto a técnica do Museo Provincial (en outubro de 2009), estimando o seu estado favorable, pero non emitindo un informe en profundidade por ser necesario para eso un estudo asemade en profundidade. Para o cambio de lugar, non hai moitos sitios no concello que o podan acoller, pero a dificultade está no traslado, que requeriría o desmonte, polo que de pronto seguirá na biblioteca. É dicir, está mirado, pero faltan solucións.
En canto ó listado de obras cedidas ó concello, foi reclamado xa á persoa encargada e espérase dispoñer del con prontitude, momento no que será presentado.
Sobre os puntos 11 a 19, foron mocións diversas, como xa dixen noutra entrada, ás veces repetidas, con diferente sorte e axustadas cando era o caso ás directrices de partido a nivel estatal ou galego, como se pode comprobar, e con máis ou menos debate segundo o ánimo concreto do momento máis que segundo o contido da propia moción:
A primeira (punto 11), sobre a permanencia do ISM en Ribadeo, aprobada por 10 contra 3 (PSOE), e á que se incorporaron a oficina de Capitanía Marítima e o servizo veterinario. Como referencia para enterarse do tema, recomendo este artigo.
A moción sobre as corridas de touros contou o rexeitamento por 4 (BNG) a favor, 6 en contra e 3 abstencións (PSOE)
A defensa das Unidades de Xestión Forestal, UXFOR, foi aprobada por 9 a favor contra 4 (PP).
Os puntos 14 e 15 presentaban mocións xemelgas de UUAA (Unións agrarias) e o SLG (Sindicato labrego galego) en relación coa defensa das explotacións e as axudas para as mesmas. A indicar aquí que explotacións semellantes, con terras de montaña semellante en Ribadeo e na Fonsagrada, por exemplo, quedarán sen subvención e con subvención respectivamente segundo os criterios actuais. Foi aprobado por 8 votos (por ausencia momentánea dunha concelleira) contra 4 (PP), dando lugar a un dos exabruptos do pleno, coa indicación do portavoz do PP de que 'non teñen nin puñetera idea de que están a falar' (referido a concelleiros e concelleiras en defensa das mocións).
A moción sobre o retraso de cobro do IVA ós autónomos ata o cobro efectivo das facturas recibiu o apoio unánime.
As mocións de BNG e PP sobre a fusión das caixas (puntos 17 e 18) tiveron 8 votos a favor de ambos grupos e 5 abstencións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario